INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN "FOTOGRÁFRICA" ORGANIZADA POR MÉDICOS DO MUNDO
A directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Fabiola Sotelo destacou hoxe durante a rolda de prensa de inauguración da exposición “fotogrÁFRICA” a importancia da realización de campañas de sensibilización para achegar ás poboacións as desigualdades do mundo. Nesta rolda tamén participaron o concelleiro delegado de Cultura e Centros Socioculturais de Santiago, Néstor Rego; a presidenta de Médicos do Mundo en Galicia, Nieves Turienzo; e un dos integrantes do proxecto, o fotógrafo galego, Xulio Villarino.
Esta exposición, conmemora o Día Internacional da Loita contra a SIDA, que se celebrará mañá día 1 de decembro, e mostra vivencias e esperanzas de persoas afectadas polo VIH/SIDA en Namibia, Senegal, Mozambique e Angola.
Con motivo desta conmemoración, Sotelo recordou que unha de cada dúas mulleres africanas embarazadas, e actualmente portadora da enfermidade, e que un de cada tres dos nenos que nazan nos próximos meses estará contaxiado. Máis do 60% da poboación afectada polo VIH concéntrase en África subsahariana.
Ante a crueza desta cifras, os axentes que participan nesta exposición queren mobilizar á sociedade galega para que coñezan de xeito crítico a problemática do VIH/SIDA na África subsahariana. A mostra, que estará primeiramente en Santiago, terá a súa obra repartida entre os centros socioculturais de Conxo, Vite, A Trisca e Fontiñas.
Esta campaña de sensibilización está financiada pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior e pola Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), permanecerá en Santiago ata o 21 de decembro, e posteriormente percorrerá as catro provincias galegas durante 2008.
Fondo Mundial da Loita contra a SIDA, a Malaria e a TuberculoseA directora xeral de Cooperación Exterior participou onte nunha reunión da cooperación descentralizada, co Fondo Mundial da Loita contra a SIDA, a Malaria e a Tuberculose. Este fondo xestionou no últimos anos preto de 5 mil millóns de dólares, e puxo en marcha as propostas xurdidas nas sociedades máis afectadas do propio Sur. O Fondo estuda na actualidade, o apoio o desenvolvemento de Plans Nacionais de loita contra as tres enfermidades, na intención de fortalecer os sistemas públicos de saúde, coma ferramenta similar ós apoios directos ós orzamentos que xa existen noutros sectores.
Sotelo fixo fincapé en que o I Plan Director da Cooperación Galega recolle tamén o compromiso no sector da Cobertura das necesidades sociais básicas, saúde e educación principalmente, as que xa se dedica preto do 30% da Axuda Galega ao desenvolvemento. No terreo Galicia, apoia proxectos de loita contra esta enfermidade especialmente en Mozambique; incidindo non só na importante tarefa do acceso universal ao tratamento, senón tamén na superación do profundo estigma que engade máis sufrimento aos portadores e enfermos de SIDA.