Noticias de Cooperación Gallega
30/11/2007
Xeral

INAUGURACIÓN EN LUGO DA EXPOSICIÓN DE COOPERACIÓN GALEGA

O alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, e a concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, participaron na inauguración da campaña de sensibilización que a Dirección Xeral de Cooperación Exterior achegou a Lugo. Con ela, téntase que Galicia interiorice a responsabilidade que como pobo desenvolvido ten sobre os países máis desfavorecidos. 

Orozco e Basadre, acompañados dun técnico da Dirección Xeral recorreron a exposición, comentaron os paneis informativos e recordaron que o departamento da Xunta se creou como resposta ás esixencias da sociedade civil, e que hai que aproveitar a circunstancia de ser a primeira xeración que conta cos recursos suficientes para acabar coa pobreza. 

Durante o percorrido, se fixo tamén referencia ás prioridades sectoriais polas que se rexe Cooperación Galega, salientándose a educación como principal instrumento para acadar con éxito as metas do desenvolvemento, a igualdade entre homes e mulleres como compromiso para mellorar a calidade de vida, a transferencia de coñecementos e tecnoloxías para fortalecer o tecido económico, o fortalecemento da sociedade civil e a saúde. 

Para finalizar, todos os participantes quixeron destacar a importancia de que os galegos coñezan os criterios que se empregan para a xestión de recursos dende a Xunta de Galicia, os lugares nos que se coopera e en que consiste esa cooperación para poder seguir traballando polo Dereito ao Desenvolvemento.