A DIRECCIÓN XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR INAUGURA EN SANTIAGO A EXPOSICIÓN DA COOPERACIÓN GALEGA
A Dirección Xeral de Cooperación Exterior inaugurou esta mañá en Santiago a cuarta etapa da campaña de sensibilización que o departamento está a levar en cinco cidades galegas, para axudar a que Galicia interiorice a responsabilidade que como pobo desenvolvido ten sobre os países máis desfavorecidos.
Esta responsabilidade se creou como resposta ás esixencias da sociedade civil, e a mostra quere aproveitar a circunstancia de ser a primeira xeración que conta cos recursos suficientes para acabar coa pobreza.
Os paneis fan referencia, entre outras cousas, ás prioridades sectoriais polas que se rexe o departamento, e salientan a educación como principal instrumento para acadar con éxito as metas do desenvolvemento, a igualdade entre homes e mulleres como compromiso para mellorar a calidade de vida, a transferencia de coñecementos e tecnoloxías para fortalecer o tecido económico, o fortalecemento da sociedade civil e a saúde.
A mostra naceu ao redor do espírito do Día dos Dereitos Humanos, 10 de decembro, e a necesidade de loitar porque todas as nacións os recoñezan e os defendan, facendo especial fincapé no dereito dos pobos a desenvolverse. Así, loitarase para poder acadar a igualdade de xénero, a posibilidade de acceder á educación e á sanidade, e eliminar tantas inxustizas no mundo derivadas do incumprimento deses dereitos.
Por iso, o próximo luns 10 de decembro, lerase na propia exposición un manifesto en favor do cumprimento deses Dereitos Humanos, e que correrá a cargo do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.