COOPERACIÓN GALEGA CONMEMORA O DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS
A exposición itinerante que a Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a levar por cinco cidades galegas, e que naceu ó redor do espírito do Día dos Dereitos Humanos (10 de decembro), foi o escenario da lectura dun manifesto a prol da loita do recoñecemento e da defensa destes dereitos.
Fai hoxe 59 anos que no seo da Asemblea Xeral das Nacións Unidas se proclamou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. O Dereito á Vida, á Liberdade, á Igualdade e á Dignidade son os piares básicos sobre os que a convivencia se debe asentar.
A lectura do manifesto correu a cargo do alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, que despois visitou a exposición acompañado da subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Carlota Román.
Tamén se recordou durante este acto que o Desenvolvemento é tamén un Dereito Fundamental: un dereito humano inalienable en virtude do cal, todos os Seres Humanos e todos os Pobos están facultados para protagonizar o seu propio desenvolvemento económico, social, cultural e político, acadando a capacidade de exercer a súa soberanía.