INAUGURACIÓN EN VIGO DA EXPOSICIÓN DA COOPERACIÓN GALEGA
A subdirectora xeral de Cooperación Exterior Carlota Román destacou hoxe durante a inauguración da campaña de sensibilización que o seu departamento está a levar a cabo en Ferrol, que Galicia está a interiorizar a responsabilidade que como pobo desenvolvido ten sobre os países máis desfavorecidos. Sotelo, quixo recordar tamén que esta campaña está a levar unha exposición itinerante a cinco cidades galegas e que terá unha duración dun mes. Estas declaracións tiveron lugar durante a presentación no Paseo Urzaiz da mostra que permanecerá aberta ata o luns e que pretende achegar á poboación a situación dos países máis empobrecidos do mundo, e á que asistiron o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a concelleira de Benestar, María Méndez. Durante a mesma, a Román recorreu a exposición, comentou os paneis informativos e recordou que o departamento se creou como resposta ás esixencias da sociedade civil, e que hai que aproveitar a circunstancia de ser a primeira xeración que conta cos recursos suficientes para acabar coa pobreza. A subdirectora fixo referencia tamén ás prioridades sectoriais polas que se rexe o seu departamento, e salientou a educación como principal instrumento para acadar con éxito as metas do desenvolvemento, a igualdade entre homes e mulleres como compromiso para mellorar a calidade de vida, a transferencia de coñecementos e tecnoloxías para fortalecer o tecido económico, o fortalecemento da sociedade civil e a saúde.
Para finalizar, a directora xeral salientou a importancia de que os galegos coñezan os criterios que se empregan para a xestión de recursos, os lugares nos que se coopera e en que consiste esa cooperación para poder seguir traballando polo Dereito ao Desenvolvemento.