Noticias de Cooperación Gallega
18/12/2007
Xeral

A DIRECTORA XERAL PRESENTA O INFORME DA SITUACIÓN DO COMERCIO XUSTO EN GALICIA

A Dirección Xeral aposta polo artellamento dunha comisión de traballo para abordar o tema integrada por  todos os actores implicados

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, destacou hoxe durante a presentación da Diagnose Estratéxica e Participativa da Situación do Comercio Xusto en Galicia, a importancia de contar cun Informe 0 destas características, en cuxa xestación colaboraron  todos os axentes do sector.

Con este estudo a Administración busca dotarse dun instrumento de información sobre a realidade do comercio xusto de Galicia, e de reflexión estratéxica sobre os problemas aos que este sector se enfronta para proceder así a deseñar unha política pública de desenvolvemento do mesmo.

En Galicia se produciu un salto espectacular ao longo do quinquenio 2000-2005 xa que, en tanto no ano 2000 esta comunidade representaba o 3,8% das vendas de toda España (o que correspondía a 265.152€), no ano 2005 esta cifra saltaba ata o 9,6% (1.333.689€). A evolución das vendas en Galicia amosan un crecemento do 403% entre o 2000 e o 2005, o crecemento máis forte rexistrado en tódalas comunidades autónomas, situándose como a cuarta comunidade con máis vendas en Comercio Xusto.

O informe conclúe que o futuro do sector pasa polo incremento da iniciativa privada, que asuma un mercado en auxe, así como polo reforzo do labor que as ONGD están facendo en materia de sensibilización. Do mesmo xeito, deberíanse crear sinerxías con outras actividades como, por exemplo, a comercialización de produtos da agricultura ecolóxica, produtos de alta calidade, ou a relación co comercio rural.

Sotelo quixo engadir que con este informe o departamento que dirixe quérese converter en impulsor da consolidación do comercio xusto en Galicia.

ClientesO estudo, realizado por Proxectos, Consultoría e Formación S.L, tamén aclara que os clientes nun 92’35% dos casos particulares, maioritariamente mulleres de entre 25 e 30 anos. Tamén destaca un dato positivo: a fidelidade da clientela no 75,5%, isto significa que case 8 de cada 10 clientes volven mercar no mesmo establecemento. A presentación realizouse na sede da Confederación Galega de Empresarios, e foi seguida dun almorzo servido exclusivamente con produtos de Comercio Xusto.