PRIMEIRA PARTIDA PARA SUBVENCIONAR PROXECTOS DE COOPERACIÓN, SENSIBILIZACIÓN, E FORTALECEMENTO
A Dirección Xeral de Cooperación Exterior destinará nos próximos dous anos 5.770.000 euros a subvencionar proxectos de cooperación para o desenvolvemento e sensibilización da sociedade galega coas causas da pobreza, promovidos por organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento (ONGDS) e outros axentes de cooperación, como universidades, sindicatos, empresas e comunidades galegas no exterior.
Ademais, dentro deste orzamento inclúese un apartado para o fortalecemento das ONGDS con domicilio social en Galicia co que o goberno galego pretende potenciar o tecido asociativo da cooperación para o desenvolvemento na nosa comunidade.
Estas axudas canalizaranse a través dunha convocatoria pública de subvencións para actividades formativas e de sensibilización, proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior promovidos por ONGDS, proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior realizados por universidades, sindicatos, empresas e comunidades galegas no exterior, e unha última orientada ao fortalecemento das ONGDS. Para poder optar a estas axudas as entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.As entidades interesadas deben presentar a súa solicitude no prazo dun mes desde a publicación da convocatoria no DOG e a administración contará con tres meses para resolver e notificar as resolucións.
A Xunta de Galicia tamén está a dar resposta con estas novidades ás reivindicacións históricas dos axentes galegos de cooperación para facilitar o traballo de todos: suprímese a necesidade de presentar avais, realizaranse pagamentos do 100% da anualidade concedida, e fíxanse réximes simplificados de xustificación e control.
Sensibilización da sociedade galegaDurante os anos 2008 e 2009, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior financiará con 420.000 euros proxectos que teñan como obxectivo promover a participación social e cidadá nas accións de cooperación para o desenvolvemento, así como fomentar a educación para o desenvolvemento e a sensibilización da sociedade galega na realidade dos pobos máis desfavorecidos. O que se pretende é potenciar unha ética baseada en valores de convivencia pacífica, tolerancia e igualdade entre as persoas, perseguindo a concienciación da opinión pública nesta materia, incidindo na investigación sobre as causas do desenvolvemento.
Axudas para a realización de proxectos no exteriorA partida máis importante estará destinada á realización de proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior, unha a ONGDS e a outra a empresas, sindicatos, universidades e comunidades galegas no exterior. As axudas públicas para a convocatoria de ONGDS ascenden a 3.750.000 euros, mentres que a subvención para a realización de proxectos doutros axentes de cooperación é de 1.300.000 euros.
Ambas liñas de axuda teñen como obxectivo axudar na execución dos proxectos que os axentes de cooperación para o desenvolvemento teñen fora do noso país, quedando excluídos destas axudas os programas que teñen como obxecto a axuda humanitaria ou os de carácter puntual, que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.
Os proxectos presentados deberán redundar na ampliación das capacidades e liberdades da poboación beneficiaria e ter repercusión práctica na satisfacción das necesidades básicas das persoas máis desfavorecidas das zonas onde se desenvolvan as accións.
Fortalecemento do sector da cooperación galegaA Xunta de Galicia destinará en 2008 e 2009 un total de 300.000 euros a financiar subvencións para a consolidación e fortalecemento das ONGDS con domicilio social ou delegación permanente en Galicia. Estas subvencións teñen como obxectivo promover a formación técnica do persoal, socios e voluntarios das ONGDS, mediante o financiamento de seminarios e obradoiros. Incidirase na formación arredor da mellora da xestión das ONGD sobre os diferentes aspectos técnicos das fases dun proxecto de desenvolvemento e verbo de técnicas de comunicación externa ou de relación cos medios de comunicación.Terase tamén en conta o deseño e a realización de campañas e actividades de sensibilización, educación para o desenvolvemento e consumo responsable, valorándose especialmente as estratexias que recollan a realización de actividades no medio rural.Estas actuacións reforzan algunhas das prioridades da Dirección Xeral de Cooperación Exterior como son a mellora da calidade técnica e operativa do sector, a ampliación e ordenación dos instrumentos da cooperación galega, a procura de sinerxías cos sectores galegos con experiencia de valor e a elaboración dos documentos estratéxicos de intervención por país.