Noticias de Cooperación Gallega
14/01/2008
Xeral

INAUGURACIÓN DUNHA EXPOSICIÓN SOBRE A SITUACIÓN SANITARIA DOS PAÍSES MÁIS EMPOBRECIDOS

A directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Fabiola Sotelo, participou esta mañá na inauguración da exposición que a Fundación para el Desarrollo de la Enfermería (FUDEN) organizou no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e que permanecerá no centro ata o 30 de xaneiro.

Esta exposición, titulada “La Salud de las Poblaciones con menos Recursos”, conta coa colaboración da Axencia Española de Cooperación ao Desenvolvemento (AECID), e está formada por dous paneis de catro metros de largo e tres de alto no que se poden contemplar fotografías, gráficos e explicacións sobre a situación da saúde das persoas nos países máis empobrecidos do mundo.Durante a súa intervención, Sotelo resaltou a importancia que acada o sector da saúde dentro do Plan Director da Cooperación, á que xunto coa educación, xa se destina preto do 30% da Axuda Galega ao Desenvolvemento.

A directora fixo fincapé en que a saúde é un dereito humano e fundamental para toda a poboación mundial e que a cooperación galega traballa por ese fin financiando diversos proxectos que inciden no desenrolo das metas establecidas nos Obxectivos do Milenio. Do mesmo xeito recordou que o maior valor da cooperación descentralizada reside nos seus recursos humanos como ferramenta clave para a transferencia de coñecemento e tecnoloxía. Tendo en conta que a responsabilidade do desenvolvemento dos sistemas públicos de saúde recae sobre os propios gobernos, hai que traballar tamén de xeito integral no fortalecemento institucional e das sociedades civís dos países beneficiarios.

ProxectosPola súa parte, Carmen García Rivas, responsable autonómica de FUDEN en Galicia, destacou a actitude solidaria dos enfermeiros que se acollen aos proxectos de Vacaciones Solidarias que a Fundación está a levar a cabo, e polos que os profesionais interesados cooperan durante as súas vacacións en países maioritariamente latinoamericanos e algúns africanos. Con este tipo de iniciativas, FUDEN pretende crear unha conciencia crítica respecto da situación da saúde nos países máis pobres, non só entre o sector sanitario, senón entre toda a poboación.

Jesús Caramés, director xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago resaltou a importancia do traballo do colectivo de enfermeiros, e quixo deixar claro o apoio total do CHUS a súa tarefa e o labor de entidades como FUDEN, capaces de trasladar o fundamental traballo deste sector sanitario a países onde as condicións son moito máis difíciles.