COOPERACIÓN EXTERIOR CONTINÚA O CAMIÑO ABERTO POLO ACORDO MARCO ASINADO ENTRE CUBA E GALICIA
A Xunta de Galicia destina a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior 472.735 euros a dous proxectos que se desenvolven ó redor do acordo marco de cooperación entre Cuba e Galicia que o presidente da Xunta asinou en decembro de 2007, destinado á mellora das condicións de vida da poboación da illa.
Por unha banda, a Xunta de Galicia destina a 200.000 euros para un proxecto que mellorará infraestruturas públicas e vivendas, e consolidará un programa de educación e sensibilización medioambiental, na comunidade Antonio Maceo, en Santiago de Cuba.
A execución levarase a cabo xunto coa Sociedade Cubana para a Promoción das Fontes Renovables de Enerxía e Respecto Ambiental (Cubasolar) e co Ministerio para la Inversión Extranjera y la Colaboración Económica cubano (MINVEC) e o proxecto terá dous anos de duración, formando parte a súa vez, dun programa de desenvolvemento integral da comunidade.
Na comunidade Antonio Maceo, situada na periferia da cidade, viven actualmente 8.715 persoas, que a través de reunións das circunscricións electorais detectan tradicionalmente prioridades e necesidades.
Coa mellora das infraestruturas preténdese conseguir unha maior accesibilidade da poboación aos servizos básicos de educación, saúde, saneamento ambiental, cultura e deporte. Para iso, melloraranse nas diferentes instalacións as redes de saneamento, as redes eléctricas, as paredes deterioradas e instalarase mobiliario adecuado ás actividades e fins de cada edificio.
Estas medidas contribuirán á prevención de enfermidades de transmisión hídrica, ao aforro de auga potable, á mellor protección da humidade, e a mellora ambiental do entorno do proxecto.
Rehabilitación do centro histórico de Santiago de CubaPor outra banda, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior destina tamén 272.735 euros para a mellora das condicións de habitabilidade de vivendas no centro histórico de Santiago de Cuba, e o aumento da calidade de vida dos seus residentes.
Este proxecto no que tamén colabora o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ten como obxectivos específicos mellorar as condicións de habitabilidade das vivendas recoñecidas como patrimonio histórico, as equipas sanitarias de baño e cociña, e as instalacións eléctricas e de saneamento.
Nos tres anos que dura o proxecto, habilitaranse 78 vivendas do casco histórico de Santiago de Cuba recuperando paulatinamente aquelas edificacións que constitúen verdadeiros exemplos de arquitectura santiagueira que merezan ser conservados.
Estas actuacións beneficiarán de xeito directo a 312 persoas, pero mellorarán a calidade de vida de todo o distrito 26 de Xullo, no que habitan actualmente máis de 50.000 persoas