Noticias de Cooperación Gallega
06/03/2017

O presidente da Xunta mantén un encontro coa Coordinadora Galega de ONGD

  • Na xuntanza participaron, ademais do presidente da Xunta, o vicepresidente Alfonso Rueda, o director xeral de Relacións Exteriores Jesús Gamallo, e por parte da Coordinadora a súa presidenta, Gema Filgueira; a vicepresidenta, María Paz; e o secretario, Alejandro Quiñoá
  • Tratáronse diversos temas como a aprobación do novo Decreto de Cooperación para o Desenvolvemento e do Plan anual 2017
  • O novo Decreto aproveitarase para actualizar e consolidar nunha soa disposición a normativa aplicable na materia

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo hoxe un encontro con membros da xunta directiva da Coordinadora galega de ONG para o Desenvolvemento, aos que anunciou a aprobación inminente por parte do Goberno galego dun decreto sobre cooperación para o desenvolvemento, que actualice e consolide nunha soa disposición a normativa aplicable na materia.

O novo decreto, que parte do diálogo co sector, contribuirá a garantir a seguridade xurídica e a facilitar a xestión dos procedementos, segundo se puxo de manifesto na reunión, na que tamén estivo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o director xeral de Exteriores, Jesús Gamallo, e por parte da Coordinadora a súa presidenta, Gema Filgueira; a vicepresidenta, María Paz; e o secretario, Alejandro Quiñoá.

A Coordinadora galega de ONGD é unha asociación que agrupa na actualidade a 45 entidades que traballan no ámbito da cooperación para o desenvolvemento, a acción humanitaria e de emerxencia, a educación para o desenvolvemento e a incidencia política. Naceu no ano 1991 e ten como misión principal contribuír á erradicación da pobreza nun marco de desenvolvemento sostible e de promoción dos dereitos humanos, un obxectivo no que conta co apoio da Xunta de Galicia.

Precisamente a pasada semana o Consello da Xunta aprobou o Plan Anual da Cooperación Galega para o Desenvolvemento deste ano, que conta cun incremento no seu orzamento de máis dun 7,7 por cento e que conta coa aprobación do Consello Galego de Cooperación (Congacode), órgano asesor e de coordinación da cooperación galega no que están representados a Administración autonómica, as ONGD e o resto dos axentes galegos de cooperación

Plan Anual de Cooperación

O Plan Anual 2017 da Cooperación Galega para o Desenvolvemento recolle as actuacións previstas para o ano 2017 e conta cunha dotación orzamentaria de máis de 4,5 millóns de euros, o que representa un incremento dun 7,7 por cento con respecto ao aprobado para o ano 2016.

Para este ano, o Plan aposta pola utilización principal do instrumento das convocatorias publicas de concorrencia competitiva. Así, publicaranse as convocatorias de axudas que tradicionalmente xestiona a Cooperación Galega como son as de proxectos no exterior, educación para o desenvolvemento e bolsas de formación, e tamén outras que non se tiñan publicado nos últimos anos como a de proxectos de acción humanitaria ou a de proxectos de investigación para o desenvolvemento das universidades galegas.

Así mesmo, asinaranse, entre outros, convenios de colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD e o Fondo Galego e continuarase co financiamento daqueles proxectos xa aprobados no ano 2016 e que teñen compromisos no ano 2017.

Este Plan Anual, ultimo dos enmarcados no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, afonda no logro dos resultados de xestión recollidos no dito Plan Director cara á mellora da eficacia da axuda a través da concentración xeográfica e sectorial da mesma, á maior coordinación dos actores e complementariedade das súas actuacións e á orientación estratéxica das actuacións de cooperación que poña en valor as singularidades da nosa Comunidade.

Execución do plan en 2016

Precisamente respecto ao balance do plan, o Goberno galego executou o pasado ano o 100 por cen do Plan anual de cooperación para 2016, dotado con case 4,2 millóns de euros. Grazas a esta folla de ruta, financiáronse un total de 78 proxectos con accións que chegaron a 21 países.

Entre outras actuacións, destacou a publicación e resolución de tres convocatorias públicas de axudas para proxectos de cooperación no exterior e de educación para o desenvolvemento, ao abeiro da que se deu cobertura a 57 proxectos: 24 novos e 33 aprobados en 2015 pero con continuidade en 2016-.

Asináronse, ademais, 10 convenios de colaboración con diferentes entidades, como os ratificados con Farmamundi, a Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur), a Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina (Unrwa), Unicef España, ou a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Sararauí (Sogaps). Ademais, comprometeuse a continuidade do convenio de colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.