A DIRECCIÓN XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR PARTICIPA NO ACTO “O CAMIÑO DA AUGA”
Etiopía, un dos países máis pobres do mundo, tamén é o territorio con peor acceso á auga potable. Pese a ser o berce dun dos ríos máis caudalosos do mundo, o Nilo, a seca en Etiopía é recurrente. Este país carece de infraestruturas adecuadas para paliar unha distribución de auga deficiente, co que mulleres e nenas deben camiñar perante horas para poder acceder á auga.
Hai que ter en conta que no caso da África Subsahariana, a custosa tarefa de prover de auga ás familias, recae de xeito xeral sobre as mulleres e as nenas, provocando en moitos casos o afastamento das cativas do sistema educativo, xa que as distancias son na meirande parte dos casos longas e mesmo perigosas.
SENSIBILIZACIÓN E AFRICA
A peregrinación simbólica organizada por Implicadas no Desenvolvemento na que colaborou a Dirección Xeral de Cooperación Exterior tenta denunciar dun xeito próximo e visible esta situación. A participación da dirección xeral de Cooperación Exterior na actividade organizada pola ONGD Implicadas no Desenvolvemento (IND) “O Camiño da Auga” baséase nas competencias da DXCE en Sensibilización e Educación para o Desenvolvemento, que conforman o primeiro obxectivo do I Plan Director da Cooperación para o Desenvolvemento 2006-2009. Identifícanse así as actividades de sensibilización como esenciais no proceso de interiorización da responsabilidade que a sociedade civil galega, e en xeral as sociedades desenvolvidas, temos sobre a situación dos países menos adiantados, esencial para comezar a traballar non só coas consecuencias, se non sobre as causas de pobreza.
Igualmente, outras cuestións recollidas no Plan Director a ter en conta son a necesidade de traballar dun xeito máis intenso xeograficamente na África Subsahariana, as prioridades sectoriais de cobertura dos servizos sociais básicos, entre os que se atopa o acceso a auga potable e, transversalmente, a igualdade de xénero. Hai que mencionar que axuda oficial ó desenvolvemento galega para África Subsahariana pasou do 8,4% no período 1998-2005 a un 21% no período 2006-2008. Respecto da auga e do xénero, o 5% e o 14,2% respectivamente dos fondos para proxectos en terreo se destinaron a estas fins.
PROXECTOS
Neste ano 2008, a dirección xeral de Cooperación Exterior apoia a IND, como ONGD especializada en Xénero, na última convocatoria de axudas a proxectos no exterior co financiamento do proxecto de Empoderamento de Mulleres en Mersa (Etiopía) que beneficia de xeito directo a 1.200 mulleres e máis de 400 nenas e nenos (47.625 €). Asemade, na vixente convocatoria de proxectos de sensibilización, esta dirección xeral apoia a Implicadas no Desenvolvemento co proxecto nomeado Ano do Xénero, no que a traveso de diversos ciclos de conferencias se pretende incidir sobre o grave problema da feminización da pobreza (12.748 €).
Asemade se impulsan proxectos doutras entidades para a mellora do acceso a auga potable a traveso de outras organizacións coma Enxeñería sen Fronteiras ou Solidariedade Internacional, así como proxectos de xénero con InteRed, Intermon Oxfam, Farmamundi ou a Universidade de Vigo; ademais de programas de cooperación directa nos que se recollen ambas liñas de xeito prioritario, coma pode ser a Iniciativa de Desenvolvemento Integral en Retalhuleu, Champerico, Guatemala.