Noticias de Cooperación Gallega
17/06/2008
Xeral

BOLIVIA NO PUNTO DE MIRA DA COOPERACIÓN GALEGA

 

Convenio en Educación

Segundo o I Plan Director 2006-2009, Bolivia é un dos países prioritarios para a Cooperación Galega.  É o país máis pobre de América do Sur, contando cun 58.6% do total da poboación por baixo do nivel de pobreza. Ao mesmo tempo, presenta elevados índices de desigualdade social, só superados por Brasil.

En liña coas prioridades sectoriais establecidas no Plan Director, o convenio que se asina hoxe pretende apoiar ao sistema educativo da Comunidade Bermejo,  mediante a mellora das súas infraestruturas educativas e pulo aos programas formativos, o que sen dúbida redundará no progreso social e económico da poboación desta Comunidade e por extensión do Municipio de Samaipata.

Tomando a educación como o alicerce fundamental, as actividades desenvolveranse a través de propostas de innovación pedagóxica e educacional, dotación de infraestrutura, e a implementación da educación técnica en Cultura e Turismo. Xa en Galicia, levaranse a cabo accións de sensibilización acerca da situación social en Bermejo, dirixidas aos escolares e encamiñadas á formación en valores de educación para o desenvolvemento, a cooperación internacional e o fomento dun posicionamento activo ante a inxustiza.

No eido da educación traballarán conxuntamente a Dirección Distrital de Educación de Samaipata, o IES Carlos Casares de Viana do Bolo (Ourense) e a asociación Escolas da Terra; facendo fincapé en temas fundamentais coma a educación para a cidadanía e o desenvolvemento, a promoción da solidariedade e o voluntariado, a educación ambiental, a valoración patrimonial, a educación para a igualdade de xéneros e a educación para a saúde e afectivo-sexual. O contacto e pulo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, foi fundamental para o comezo desta colaboración.

Entrevista con Dona Patricia Bustamante CECASEMEsta mesma mañá, dona Patricia Bustamante, Presidenta do Centro de Capacitación e Servizo para a Integración da Muller de Bolivia, entrevistouse coa directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, para presentarlle os avances que esta entidade desenvolve como contraparte local da ONGD Solidariedade Internacional Galicia, no proxecto de Apoio ao Desenvolvemento Económico Produtivo Sostible no Municipio de Sorata, a traveso do fortalecemento das capacidades, cunha forte compoñente formativa e de transferencia de tecnoloxías, para o que contan ademais co apoio de Unións Agrarias e da UPA.

Visita do Ministro de Produción e Microempresa de Bolivia

No marco da intensa colaboración da cooperación galega co pobo e as institucións bolivianas reforzado co consenso na elaboración do Plan de Actuación País, o vindeiro venres recíbese a visita de Don Ángel G. Javier Hurtado, Ministro de Produción e Microempresa boliviano, quen a raíz dun proxecto de cooperación sobre a explotación sostible madereira na rexión da Chiquitanía, ven a Galicia para acordar maiores cotas na transferencia de tecnoloxía neste e noutros eidos de desenvolvemento do tecido económico, coma pode ser o turismo, especialmente o turismo rural. Entrevistarase entre outros, ademais da directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, co secretario xeral da Presidencia, Gumersindo Guinarte, co director - xerente da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia s.a. Turgalicia, Xesús Pereira, co director de Inversións de SODIGA e INESGA, José Ramón Valladares, e co director xeral de Turismo, Rubén Camilo Lois González.