Noticias de Cooperación Gallega
19/06/2008
Xeral

BOLIVIA ESCOLLE O MODELO AUTONÓMICO GALEGO COMO REFERENCIA DO SEU PROCESO DE DESCENTRALIZACIÓN

O ministro de Produción e Microempresa de Bolivia, Javier Hurtado, anunciou durante a súa visita oficial a Galicia que o seu goberno elixiu o modelo autonómico galego como referencia para organizar o proceso de descentralización do país. Hurtado, que foi recibido en San Caetano esta mañá polo secretario xeral da Presidencia, Gumersindo Guinarte, e pola directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, solicitou a colaboración da Xunta, que se comprometeu a unha colaboración integral que abranguerá dende o intercambio universitario ata o asesoramento aos funcionarios e novos gobernos autónomos que se constitúan.

Na xuntanza, Gumersindo Guinarte e Fabiola Sotelo destacaron o compromiso de Galicia co desenvolvemento de Bolivia, a través dos diversos proxectos que a Xunta de Galicia está a financiar nesta lexislatura no país andino. Así, durante o trienio 2006-2008, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior aprobou 14 proxectos no país, cun valor orzamentario total próximo ao millón e medio de euros.

Os ditos proxectos centráronse de xeito preferente nos eidos educativo e sanitario, así como no fomento da microempresa para combater o desemprego e a precariedade laboral. Ao tempo, seguiuse un modelo de cooperación activa co obxectivo de implicar ás empresas, de forma que se conseguiu un sensible incremento da inversión privada galega no país. A dotación de material aos centros sanitarios do país e a promoción de novos procesos de cidadanía activa foron outras das principais actuacións galegas sobre o terreo.

Actuación para o seguinte trienioAsí mesmo, Sotelo avanzou as liñas estratéxicas do plan de actuación para o seguinte trienio (2008-2010): o aumento da cobertura das necesidades sociais básicas; a promoción do tecido económico e produtivo; e a redución das desigualdades e a exclusión social. En canto aos obxectivos transversais, os esforzos centraranse no fortalecemento institucional, a igualdade de xénero e a promoción do desenvolvemento sostible. Os ámbitos xeográficos prioritarios serán os departamentos de La Paz, Santa Cruz e Potosí.