GALICIA PARTICIPA NO PRIMEIRO ENCONTRO DE COMUNIDADES AUTONOMAS EN COOPERACION AO DESENVOLVEMENTO
A dirección xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, participa esta semana no Primeiro encontro de Comunidades Autónomas en Cooperación ao Desenvolvemento, organizada pola Comunidade de Aragón e que se desenvolve ata o 4 de xullo en Zaragoza.
O encontro pretende xerar debate dentro da cooperación descentralizada, e comezar a concretar canles e ferramentas de harmonización da Axuda Oficial ao Desenvolvemento das Comunidades Autónomas. Os temas fundamentais a tratar son por tanto a coordinación e a complementariedade coma retos, a cooperación directa e a axuda multilateral, o seguimento e a avaliación, a concertación dos criterios das subvencións e o papel da auga no desenvolvemento sostible.
Na presentación feita dende a Dirección Xeral, mencionouse o Primeiro Plan Director da Cooperación Galega, xa no seu terceiro ano. Este Plan define os obxectivos estratéxicos para os catro anos, que se concretan á súa vez nos correspondentes Plans Anuais así como os sectores prioritarios de actuación e as áreas xeográficas en que se concentra a cooperación galega: Caribe, Centroamérica, Sudamérica e especialmente a África Lusófona.
Igualmente, se mencionaron as distintas iniciativas de cooperación directa levadas a cabo dende esta Dirección Xeral coma os programas de Pesca en Centroamérica ou de Desenvolvemento Integral en Guatemala. Tamén se presentaron as distintas ferramentas para a execución de iniciativas por parte dos axentes da cooperación galega, coma os proxectos e microproxectos de cooperación ao desenvolvemento, a nova convocatoria de programas, e as convocatorias de sensibilización e fortalecemento así coma as oportunidades que ofrecen as bolsas de formación.
A exposición de Sotelo recalcou a importancia da elevación dos niveis de esixencia, austeridade e calidade das actuacións, que deben ser tidos en conta polos propios donantes e por todos os actores na cooperación ao desenvolvemento, para maximizar o impacto das actuacións nos países beneficiarios fronte a outro tipo de criterios.
No seu discurso, Fabiola Sotelo, expuxo a necesidade dunha maior coordinación das actuacións das diferentes comunidades, non só no marco estratéxico, senón tamén nos instrumentos e nos medios, con vistas a unha maior coherencia de criterios técnicos a desenvolver a partir duns mínimos comúns. A directora xeral tamén incidiu na coordinación sobre o terreo como clave fundamental nas accións de cooperación, pois nel comeza e remata o proceso no momento en que se acada a sostibilidade. Así, as bases fundamentais establecidas na Declaración de París se concretan nos conceptos de: Apropiación dos beneficiarios, Aliñamento coas súas axendas de desenvolvemento, Harmonización entre donantes, Orientación cara os resultados e Mutua Responsabilidade.