COOPERACIÓN GALEGA AUMENTA O SEU APOIO AO TRABALLO DAS ONG
Cooperación Galega destina 180.000 euros, en dúas anualidades de 90.000 euros, ao financiamento do proxecto “Liñas Estratéxicas da Coordinadora de ONGD 2008-2009”, dirixido a favorecer o traballo técnico e operativo deste sector. Respecto aos 35.000 euros investidos neste fin no ano 2005, o incremento supón un 157%.
Con esta medida, quérese darlle pulo á capacitación, á presenza social, e á procura de sinerxías entre as organizacións integradas na Coordinadora Galega de ONGD, unha cuestión que a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, define como “moi necesaria” para acadar os obxectivos do vixente Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009, onde se recolle entre outras e coma meta esencial o “fortalecemento de todos os actores do sistema galego de cooperación”, asumido pola propia Coordinadora Galega de ONGD como misión, co fin último de aumentar a incidencia da cooperación galega na loita contra a pobreza.
En coincidencia con estes parámetros, o proxecto “Liñas estratéxicas da Coordinadora Galega de ONGD” propón entre outras, o desenvolvemento dun completo programa de formación para as 45 organizacións da Coordinadora, destinado a mellorar a preparación dunhas 200 persoas no deseño de proxectos, xestión da calidade, captación de financiamento e comunicación social.
Tamén permitirá a contratación de tres técnicos especializados en xestión de entidades non lucrativas, que se adicarán a fornecer as comisións de traballo da Coordinadora en materias como Xénero, Educación para o Desenvolvemento ou Comercio Xusto; mais a mellorar os labores de planificación, seguimento e avaliación das actuacións do sector das ONGD galegas.