FABIOLA SOTELO INAUGURA NA USC O CURSO A LOITA CONTRA A POBREZA NA SOCIEDADE INTERNACIONAL ACTUAL
A directora xeral de Cooperación Exterior acompañada por Nieves Lagares, Decana da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela, participaron onte no acto de inauguración do Curso de Verán sobre A loita contra a pobreza na sociedade internacional actual. Este curso, codirixido polos profesores Carlos Teijo, Doutor de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais, e Irene Rodríguez, Doutora en Relacións Internacionais, así como por Xosé Mª Torres, Presidente da Coordinadora Galega de ONGD, se desenvolverá o longo dos tres vindeiros días no Salón de Graos da mencionada Facultade de Ciencias Políticas, centro que se erixe como referente en Galicia no debate e na aposta polo estudo e coñecemento da Cooperación para o Desenvolvemento.
Sotelo, salientou na súa intervención, a importancia dos temas seleccionados para as mesas de debate, no actual proceso de crecemento que está a vivir a cooperación, especialmente a descentralizada, coas súas características propias e importante reto da coordinación que supón no mantemento da procura dun maior impacto. Os alumnos e alumnas poderán analizar polo miúdo entre outras cuestións: o reto do cumprimento dos principios da declaración de París: apropiación, aliñamento, harmonización, orientación cara a resultados e mutua responsabilidade; de afondar no determinante papel dos diferentes actores, da coordinación e da especialización; de incidir na Coherencia de Políticas, especialmente na relación entre o modelo económico internacional vixente e a pobreza e desigualdade, analizando tamén, os logros e as eivas tanto na proposta coma no nivel de execución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio; ou de debater sobre a integración da perspectiva de xénero nas actuacións de cooperación, así coma sobre o enfoque das relacións entre migracións e desenvolvemento.
Os directores do curso congratuláronse da alta participación, reflexo do crecente interese e compromiso da sociedade galega na loita contra da pobreza, no que a Universidade se conforma coma centro fundamental de impulso do debate e da análise crítica, sobre as diferentes propostas aportadas polas políticas e os diversos actores da cooperación para o desenvolvemento.
MAIS INFORMACIÓN