Noticias de Cooperación Gallega
09/07/2008
Xeral

A XUNTA APROBA 3.600.000 DE EUROS PARA A 1ª CONVOCATORIA DE PROGRAMAS DE COOPERACIÓN EXTERIOR

 

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano orientadas a unha real superación da pobreza precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade. Á asunción, especialmente durante a última década, das competencias de cooperación polas Comunidades Autónomas, de xeito compartido co Goberno Central, o desenvolvemento dun marco lexislativo autonómico, así coma dunha planificación estratéxica e os instrumentos adecuados para levala a cabo, son un reflexo da vontade e o compromiso das nosas sociedades e os seus representantes de traballar dun xeito activo na loita contra a pobreza, co horizonte da consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.

COOPERACIÓN GALEGA TRANSFORMADORAA Lei 3/2003 de Cooperación para o Desenvolvemento e o I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009 promoven unha cooperación galega transformadora das realidades dos países onde actúa, encamiñada tamén á promoción activa do dereito a un desenvolvemento humano integral e sostible das súas poboacións.  Neste senso, como entidades con especial dedicación e experiencia na canalización do compromiso da sociedade galega cos pobos máis desfavorecidos, as ONGD constitúense en interlocutores permanentes da Xunta de Galicia.

De aí a aprobación hoxe no consello da Xunta da convocatoria de programas, dotada con 3.600.000 millóns de euros. Os programas son instrumentos que garanten, a través do seu deseño a medio prazo, a coherencia das accións, a definición conxunta cos beneficiarios, e a complementariedade con outras institucións, organismos e entidades donantes, un mellor impacto das intervencións de desenvolvemento.

Trátase de abrir outra liña de actuación, paralela a establecida pola cooperación directa da Xunta de Galicia, que incentiva o traballo sobre procesos de desenvolvemento e xa non só sobre proxectos.

ACTUACIÓNS A MEDIO PRAZO 

Tal e como se desprende do Plan Anual 2008, e en consonancia coas prioridades establecidas nos Plans de Actuación por País, os programas comprenden actuacións dunha maior envergadura que os proxectos e contarán cun apoio financeiro superior. Estas actuacións desenvolveranse ao longo dun período temporal dun máximo de catro anualidades orzamentarias. Para recibir financiamento con cargo a esta convocatoria de axudas, as entidades solicitantes deberán contar coa capacidade financeira, de xestión, social e estratéxica necesaria para executar os programas, tal e como veñen esixindo outras entidades financeiras públicas españolas que están a empregar este instrumento.