Noticias de Cooperación Gallega
09/07/2008
Xeral

A XUNTA DE GALICIA OUTORGA 125.000 EUROS PARA SENSIBILIZACIÓN AO FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior entende coma fundamental contribuír ao fortalecemento do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coma organización que aglutina as catro deputacións e aos concellos máis proactivos nas tarefas de cooperación, apoiando as súas iniciativas, e en especial nas áreas de sensibilización e concienciación da sociedade galega, xa que as estes, coma administracións máis pretas ao conxunto da cidadanía, teñen canles privilexiados para a organización e difusión de actividades de sensibilización que incidan sobre as causas da pobreza, e colaboren na consecución dun maior coñecemento e compromiso da nosa sociedade cos retos do desenvolvemento.

A Lei 3/2003 de Cooperación para o Desenvolvemento e o I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009 teñen entre os seus obxectivos o impulso e a promoción da participación social e cidadá nas accións de cooperación para o desenvolvemento, así como a sensibilización da sociedade galega sobre as realidades dos pobos máis desfavorecidos.

Así hoxe se aprobou no consello da Xunta a sinatura do convenio plurianual para a execución do “Plan de Sensibilización 2008-2009: o Local é Global, construíndo redes de cooperación”.

PIARES BÁSICOS 

As actividades se sustentan en tres piares básicos: Pensar - Reflexionar, con actividades formativas especialmente dirixidas aos responsables políticos do eido local, con oito cursos de formación e o apoio aos encontros da Rede Municipalista Solidaria. Facer - Actuar, a traveso do Programa Vacacións con Traballo e do Programa Teatro con Fondo. E por último Ver – Coñecer para mostrar a traveso da elaboración dun informe da cooperación municipal, dos boletíns “Infórmate a Fondo IAF”, da páxina web, da memoria, ou das actividades de intercambio con organizacións parceiras dos países do Sur, o potencial dos concellos nas actuacións da cooperación para o desenvolvemento.