Noticias de Cooperación Gallega
10/07/2008
Xeral

FABIOLA SOTELO INAUGURA O MÓDULO DE ESPECIALIZACIÓN TÉCNICA EN AUGA E SANEAMENTO

A directora xeral de Cooperación Exterior acompañada por Enrique Peña, Director da Oficina de cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña e por Ofelia García de IYE, abriu hoxe na Coruña o Módulo de especialización técnica en auga e saneamento en proxectos de acción humanitaria e cooperación para o desenvolvemento. Este módulo se inserta dentro da múltiple oferta formativa que a dirección xeral de Cooperación Exterior impulsa seguindo un dos obxectivos establecidos no vixente Plan Director de Cooperación para o Desenvolvemento 2006-2009, “de mellora da calidade técnica e operativa do sector”. Nesta ocasión, faino a traveso do apoio a Fundación Axencia Humanitaria de Galicia, a cal ven de rematar onte a realización doutro módulo de especialización e Acción Humanitaria e transición ao Desenvolvemento.

Sotelo lembrou que na actualidade máis de 1.100 millóns de persoas carecen de acceso a auga potable e máis de 2.400 millóns dos servizos de saneamento axeitados; así coma que co ritmo actual de investimentos, África non acadará o acceso universal á auga potable ata 2050, Asia ata o 2025 e América Latina e o Caribe ata 2040. Por todo isto a estratexia de futuro, pasa por seguir apoiando os proxectos que no sector da auga se desenvolven en diversos países de América Latina e África, aumentando a implicación de expertos e entidades galegas na súa formulación e seguimento.

Os alumnos e alumnas afondarán ata o vindeiro día 18 en temas coma a promoción da Hixiene nos proxectos de cooperación e acción humanitaria; a auga e o saneamento; a identificación, investigación e capacitación nos proxectos de auga; a coordinación da avaliación inicial e resposta a emerxencias exemplificando no caso das inundacións en Mozambique; os sistemas de abastecemento de auga por gravidade a comunidades en contextos VARD; ou a intervención en auga e saneamento na fase de rehabilitación post – sunami.