CONVOCATORIA DE PROGRAMAS E PRIMEIRA TANDA DE ADXUDICACIÓNS DA CONVOCATORIA DE MICROPROXECTOS
- A convocatoria de programas é unha nova ferramenta destinada a aumentar o impacto das accións de cooperación nos países receptores, apoiando procesos integrais, que incidan sobre as causas xeradoras da pobreza. Deseñados a medio prazo, permiten manter criterios de coherencia, eficacia e eficiencia nas actuacións de cooperación ao desenvolvemento.
- Pola contra, a convocatoria de microproxectos trátase doutro novo instrumento para o financiamento de pequenas accións de cooperación, como primeiro paso para incrementar a capacidade e a experiencia na xestión de proxectos no exterior daquelas organizacións recentemente integrados no sector galego da cooperación.
PROGRAMAS
A Lei 3/2003 de Cooperación para o Desenvolvemento e o I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009 promoven unha cooperación galega transformadora, encamiñada tamén á promoción activa do dereito a un desenvolvemento humano integral e sostible das súas poboacións. Neste senso, como entidades con especial dedicación e experiencia na canalización do compromiso da sociedade galega cos pobos máis desfavorecidos, as ONGD constitúense en interlocutores permanentes da Xunta de Galicia, e principais executores dos fondos de Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) .
Esta convocatoria de programas, prevista no Plan Anual 2008, está dotada con 3.600.000 millóns de euros. Os programas son instrumentos que garanten, a través do seu deseño a medio prazo, a coherencia das accións, a definición conxunta cos beneficiarios, e a complementariedade con outras institucións, organismos e entidades donantes, un mellor impacto das intervencións de desenvolvemento.
Trátase de abrir outra liña de actuación, paralela a establecida pola cooperación directa da Xunta de Galicia, que incentiva o traballo sobre procesos de desenvolvemento e xa non só sobre proxectos. Estas actuacións desenvolveranse ao longo dun período temporal dun máximo de catro anualidades orzamentarias.
Para recibir financiamento con cargo a esta convocatoria de axudas, as entidades solicitantes deberán contar coa capacidade financeira, de xestión, social e estratéxica necesaria para executar os programas, tal e como veñen esixindo outras entidades financeiras públicas españolas que están a empregar este instrumento.
MICROPROXECTOS
A convocatoria de subvencións para microproxectos de cooperación no exterior de ONGD, prevista tamén no Plan Anual 2008, procura de xeito transversal o aumento da capacidade de actuación para aquelas organizacións con menor experiencia no terreo, mais sempre co obxectivo primordial de incidir sobre as situacións de pobreza e desigualdade, traballando en asociación cunha entidade local, na procura da apropiación e a sostibilidade do proxecto.
O prazo de presentación destes pequenos proxectos rematou o pasado día 30 de xuño, e seguindo a orde de entrada establecida na convocatoria, xa están resoltos os primeiros recibidos, e dispoñibles no apartado de convocatorias de ONGD da web www.cooperaciongalega.org.