FABIOLA SOTELO GALARDOADA CO PREMIO NACIONAL DE COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO DE UNICEF
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2008.- Fabiola Sotelo, Directora Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, foi recoñecida co Premio Nacional de Cooperación o Desenvolvemento do Fondo de Nacións Unidas pola Infancia (UNICEF). O premio, que Sotelo fai extensivo a todo o labor da dirección xeral de Cooperación Exterior e aos axentes de cooperación implicados no pulo polo desenvolvemento en Galicia, supón por vez primeira o recoñecemento dunha representante da administración pública de Galicia.
UNICEF considerou o esforzo persoal de Fabiola Sotelo e o esforzo institucional para coa infancia e a loita contra a pobreza a través das políticas de cooperación, así como o apoio á misión de UNICEF no terreo. Recoñeceu o traballo desenvolvido por Cooperación Galega no Sur cos colectivos máis vulnerables como as mulleres, as nenas e os nenos, a súa aposta pola educación, a capacitación e a formación, o incremento do labor dirixido a África e en xeral, ós países menos adiantados (PMA), así como a procura de sinerxías entre representantes da sociedade civil, especialmente ONGD e universidades, co obxectivo de fortalecer o sector e incrementar o impacto das accións de sensibilización da sociedade galega. Para UNICEF, unha proba diso é o paulatino incremento dos fondos galegos para a cooperación e o desenvolvemento dunha estratexia real coma punto de partida das accións, o Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009. Os premios entregados por UNICEF destínanse a galardoar persoas, equipos ou institucións de ámbito nacional e internacional que traballan pola defensa dos dereitos da infancia e contribúen a mellorar as condicións de vida e as opcións de futuro dos nenos e nenas do mundo. Este ano, por vez primeira, outorgaranse 10 premios repartidos nas categorías Nacional (Cooperación o Desenvolvemento, Voluntariado, Educación en Valores, Deporte a Favor da Infancia, Cultura a Favor da Infancia, Comunicación e Mobilización Social, Responsabilidade Social e Promoción da Saúde e do Medio Ambiente) e Internacional (“Los niños primero”, e á traxectoria persoal).Os premios entregaranse o día 3 de outubro no Museo Thyssen Bornemisza de Madrid nun acto presidido pola Súa Alteza Real a Infanta Dona Margarita.