NO TERREO: SENEGAL
Segundo o I Plan Director 2006-2009, Senegal é un dos países prioritarios para a Cooperación Galega. É un dos países menos desenvolvidos da África, ocupando o posto 156 (dun total de 177 países) do Índice de Desenvolvemento Humano publicado polas Nacións Unidas.En liña coas prioridades sectoriais establecidas no Plan Director, os proxectos desenvolvidos e a desenvolver nesta rexión pretenden mellorar as infraestruturas existentes, promocionar o tecido económico e investir no ser humano, redundando así no progreso social e económico da poboación senegalesa a través da labor que alí os axentes levan a cabo.Os diferentes axentes que actualmente traballan no Senegal implementan os seus proxectos de norte a sur, principalmente na liña de costa. Desta forma, atopamos proxectos no norte (Saint Louis), no centro (Dakar e Siné Saloum) e no sur (Casamance).
Desenvolvemento integral da vila Saint LouisSaúde, saneamento e formación son algúns dos sectores nos que potencialmente se podería traballar nesta vila colonial considerada patrimonio da humanidade pola UNESCO. Recentemente, a Cooperación Galega, a través da Fundación Galicia Innova, en colaboración coa ONG senegalesa Enda Graf, financiou a ampliación e a mellora da xestión dunha maternidade no barrio de Guet Ndar, barrio que ostenta unha das maiores densidades poboacionais en África. Grazas a esta intervención, foi posible identificar as posibilidades de actuación nunha rexión que vive, na súa meirande parte, da pesca. Actualmente estase en contacto con representantes das principais institucións da cidade, nomeadamente a Axencia de Desenvolvemento da Comunidade (ADC) e o Distrito Sanitario (DS), axentes imprescindibles para o desenvolvemento municipal.
Novas tecnoloxías en DakarA Escola Coruña para pre-escolar do barrio de Thongor-Yoff, en Dakar, construída a través de Ecodesarrollo Gaia co financiamento da Cooperación Galega, abriu as súas portas fai algo mais dun ano e xa teñen en marcha a construción dunha nova aula de novas tecnoloxías da cal se beneficiarán, ademais dos nenos e nenas de entre 3 e 6 anos que asisten á escola, as mulleres da cooperativa de transformadoras de peixe Gye Seuty Ndiare do mesmo barrio. Este centro xa contaba, no seu primeiro andar, con aulas de formación específica para adultos, e especialmente para mulleres, na procura da igualdade de oportunidades entre xéneros. A escola funciona tamén no verán, ofrecendo aos nenos e nenas do barrio actividades de alfabetización e de fortalecemento das súas capacidades lingüísticas en wolof, unha das linguas mais faladas no país.
Transferencia de coñecementos sobre o cultivo do mexillón no Siné SaloumEste proxecto, financiado pola Cooperación Galega e aínda en curso, está a ser levado a cabo polo Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago de Compostela. O estudo pretende establecer se as condicións para o cultivo do mexillón nas augas do río Saloum, rexión do Siné Saloum, son propicias para tal. Se os resultados son positivos, e até o de agora o son, ofrécese á poboación local outra forma de explotar os recursos naturais dos que dispoñen no seu entorno, e ter outras fontes de rendementos que fortalecerían efectivamente a economía dun país con grande tradición pesqueira.
Contra a violencia e a explotación infantil na CasamanceNa zona máis conflitiva de Senegal, ao sur do país, na rexión da Casamance, a Cooperación Galega apoia o traballo de UNICEF cos nenos e nenas. Nesta zona, atópase o escaso 5% de poboación cristiá do país, o 95% restante é musulmán. Con este proxecto, quérese sensibilizar á poboación, e mais concretamente aos nenos e nenas das diferentes comunidades, en temas de prevención de conflitos e xestión de crises, e facilitar tamén a reintegración da poboación refuxiada. Preténdese, sobre o establecemento dunha necesaria base de tolerancia, que a poboación adquira coñecementos sobre Dereitos Humanos e Dereitos da Infancia de xeito a garantir a protección da poboación máis vulnerable.
Por último, outra interesante iniciativa a salientar é a actual identificación dun proxecto de codesenvolvemento, piloto para a Cooperación Galega, coa Comunidade Senegalesa afincada en Galicia. Tralo diagnóstico participativo seleccionouse Podor, no norte, e Kolda, no sur, para o establecemento dos primeiros contactos en terreo.