Noticias de Cooperación Gallega
20/08/2008
Xeral

NO TERREO: CENTROAMÉRICA

Centroamérica está integrada polos países de Belice, Guatemala, Honduras, O Salvador, Nicaragua, Costa Rica e Panamá. Todos os países de América Central son considerados como "países en vías de desenvolvemento", xa que en todos eles sen excepción presentan pobreza nalgún grao. A área conta con algúns dos países máis pobres do continente e os índices de desigualdade son moi altos. Centroamérica vive un proceso de transformación político, económico e cultural ao reafirmarse as intencións dos estados centroamericanos cara un forte proceso de integración. Neste senso, e dentro das múltiples actuacións da Dirección Xeral de Cooperación Exterior en Centroamérica, destaca o programa rexional de pesca, elaborado de xeito conxunto coa Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID), do que a Xunta executa a rama de formación. O proxecto lévase a cabo en colaboración co Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), cos gobernos locais e a Organización Pesqueira e Acuícola do Istmo Centroamericano (OSPESCA), integrada polos Ministros, Viceministros e directores de pesca e acuicultura da rexión. Así se pretende reverter a situación de carencias formativas detectadas en toda a cadea pesqueira. Con esta fin, o Goberno galego destina ata 2009, 842.000 euros a programas que teñen como obxectivo primordial capacitar aos pescadores centroamericanos, para facer da pesca artesanal o motor de desenvolvemento das súas comunidades.

Harmonización de Normativas Pesqueiras:

Resulta evidente que estes países comparten pesquerías comúns, co que se fai imprescindible crear regras e condicións operativas para un correcto funcionamento do sector e en prol do uso sostible do recurso. Estas normas deberán basearse en criterios de non discriminación no tratamento entre os respectivos Países, sen prexuízo da autonomía no  establecemento de políticas internas e tendo en conta o respecto debido á lexislación internacional na materia.

Para garantir este delicado equilibrio, os funcionarios das diversas administracións de pesca están a recibir capacitación na materia a través do proxecto de pesca rexional. Á vez, estes delegados formaron un grupo técnico (o Grupo de Harmonización de Normativas Pesqueiras) que pretende servir de asesoramento a OSPESCA e actualmente traballa na revisión do Tratado Marco Rexional da Pesca e da Acuicultura.

Harmonización de Metodoloxías de Investigación de Recursos Pesqueiros:

Cómpre unha harmonización das metodoloxías de investigación de recursos pesqueiros para facilitar a comparación confiable dos resultados obtidos polos países da rexión; no seu propósito de fomentar o uso sostible do recurso e a coordinación nas medidas de conservación.

Neste senso, investigadores das administracións de pesca e das universidades da rexión están a participar nos obradoiros de harmonización, coa meta de acadar non só unha metodoloxía común, senón tamén ferramentas que lles permitan traballar conxuntamente dun xeito máis eficiente e coordinado.

Formación de pescadores artesanais:

A pesca artesanal é o centro do proxecto. Trátase de crear as condicións necesarias para que a pesca artesanal contribúa ao desenvolvemento de Centroamérica, tanto dende a perspectiva da seguridade alimentaria coma sendo punta de lanza no desenvolvemento produtivo da rexión.

Así se están a levar a cabo actividades formativas para formadores e pescadores nos eidos de coñecementos básicos (natación, salvamento...), pesca artesanal (mecánica, navegación...) e comercialización (valor agregado, xestión empresarial...) para garantir a profesionalización e a dignificación do sector, á vez que se integra aos pescadores no desenvolvemento sostible e a pesca responsable.

Outros proxectos no Salvador:

Cabe destacar tamén as colaboracións en materia de pesca e medio ambiente con AECID e con Amigos da Terra no Golfo de Fonseca e con Asemblea de Cooperación pola Paz no Baixo Lempa. Tamén se pode mencionar o establecemento dun módulo de adaptación de tilapia ao medio salino na Bahía de Jiquilisco, xunto coa Universidade de Santiago.

Xa no eido da educación, no Salvador a DXCE está a colaborar con FERE na formación profesional de mozos e mozas e con Educación sen Fronteiras no fortalecemento de escolas e mestres.