Noticias de Cooperación Gallega
03/09/2008
Xeral

8 DE SETEMBRO: CELEBRACIÓN DO DÍA DO COOPERANTE

 

O vindeiro día 8 de Setembro, celébrase por terceira vez consecutiva o Día do Cooperante. Preténdese así difundir e dar a coñecer o fundamental labor deste colectivo no desenvolvemento das iniciativas de Cooperación que de xeito público ou privado se financian e executan nos países do Sur. 

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior co apoio de Caixa Galicia, organizou a nomeada conferencia, Na procura dos Dereitos, traballando co Sur na Saúde, que terá lugar o propio día 8 de Setembro, ás 20:00 horas, na Sede da Fundación Caixa Galicia na Coruña. Están invitadas todas as persoas interesadas, e de xeito especial todos os que traballan a reo e a cotío na loita contra a pobreza: ós axentes da cooperación galega ONGD, Universidades, Sindicatos... autoridades e membros do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, así coma nesta ocasión o colectivo médico, pois se terá a ocasión de escoitar a experiencia de traballo no terreo de Victorio Torres, médico cooperante que traballa na actualidade en Kenya, e Rosa Carracedo, enfermeira cooperante en América Central. 

O sector de cobertura das necesidades sociais básicas, nas que se contempla a saúde e a educación primaria é o que recibe proporcionalmente maior atención da Cooperación Galega. Aproximadamente un terzo dos orzamentos públicos da Xunta de Galicia destinados a Cooperación, apoian proxectos ou programas que tanto os axentes de cooperación, especialmente ONGD, coma a propia institución, desenvolven en África ou América Latina. A delegada provincial da Consellería de Sanidade na provincia da Coruña, Mª Ausencia Tomé introducirá aos relatores desta conferencia que está inserta dentro do Plan de Formación e Fortalecemento 2008, no que xa se desenvolveron diversos cursos de formación e que culminará coa celebración dun Foro da Cooperación no vindeiro mes de Novembro. 

RELATORES 

Victorio Torres é Director da Asociación VIHDA en Kenya, traballa na actualidade no Hospital Público do distrito de Maragua, no que co actual financiamento da Deputación da Coruña rematarán este outono a ampliación da maternidade que dará cobertura a máis de 12.000 mulleres. Con dito apoio, atópase xa en funcionamento o primeiro equipo de ecografías posto ao servizo da poboación kenyana nun hospital público deste país.   Asemade impulsan en apoio ao goberno na loita contra a SIDA, un programa de formación para os profesionais sanitarios kenyanos, nas esferas da prevención, detección e tratamento da enfermidade. 

Rosa Carracedo é enfermeira dentro da Fundación FUDEN con ampla experiencia no eido do voluntariado en programas de formación e sensibilización sobre o VIH-SIDA, así coma na docencia e na investigación. Con FUDEN participou en diversas iniciativas de transferencia de coñecementos e tecnoloxías en Nicaragua e en República Dominicana, tanto no eido da mellora da xestión coma da atención e asistencia nos servizos de urxencia e emerxencia dos sistemas públicos de saúde.