Noticias de Cooperación Gallega
02/09/2008
Xeral

XUNTA E USC ASINAN UN CONVENIO PARA DESENVOLVER O PROGRAMA DE DOUTORADO EN ECONOMÍA EN CUBA

 

 

O secretario xeral de Relacións Exteriores, Julio Fernández Mato, puxo en valor esta mañá “o grao de madurez” das políticas de cooperación ao desenvolvemento promovidas desde Galicia. Segundo Fernández Mato, “a cooperación galega ten experimentado un pulo sen precedentes nesta lexislatura” e Galicia, na actualidade, vai máis alá do modelo clásico de cooperación e está a transferir tamén ao exterior “coñecemento e tecnoloxía”.

Fernández Mato realizou esta valoración na súa intervención no acto de sinatura dun convenio de colaboración entre o seu departamento e a USC co obxectivo de impulsar o desenvolvemento dun Programa de Doutoramento na Universidade da Habana, en Cuba, ao que se achegan un total de 265.400 euros.

 

O secretario xeral de Relacións Exteriores asinou esta mañá o convenio xunto ao reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, nun acto no que tamén participou a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, e o director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia, Melchor Fernández.

Labor recoñecido en Zaragoza

Precisamente, Fernández Mato destacou o labor desenvolvido desde a Dirección Xeral de Cooperación Exterior nestes tres anos de Goberno e manifestou que este traballo veuse recoñecido o pasado mes de xullo en Zaragoza, durante o I Encontro de Comunidades Autónomas de Cooperación para o Desenvolvemento. “O traballo de Galicia neste eido foi eloxiado neste cónclave, por ser unha das autonomías que máis ten avanzado na adaptación da normativa vixente en materia de subvencións ás especificidades da cooperación, un salto cualitativo de gran importancia que contribúe a dotar de novas capacidades ao sector”, destacou Fernández Mato.

Por outra banda, o secretario xeral sinalou que as universidades configuráronse en 2007 como o segundo axente da cooperación galega, por tras das ONGD, xestionando o 18 por cento dos fondos públicos “da nosa axuda”.

Segundo manifestou Fernández Mato, o convenio asinado esta mañá pon de manifestou que Galicia está avanzando no terreo da transferencia de coñecemento, “especialmente a países receptores con certo grao de capacidade para a apropiación e o desenvolvemento de ditas transferencias”. Este é o caso de Cuba, país –segundo sinalou o secretario xeral- “prioritario para a cooperación galega”, non tanto polo seu Índice de Desenvolvemento Humano (ocupa o posto 51 de 177 para as Nacións Unidas”, “senón polo vínculo histórico que ten este país con Galicia”. “Hoxe Cuba é un país que reclama e agradece o apoio e a atención dos gobernos de España e de Galicia”, aseverou Fernández Mato.

Colaboración académica

A colaboración que se porá en marcha ao abeiro do convenio asinado hoxe estará vehiculizada, tal e como precisou o reitor da USC, a través do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia. A cooperación académica pretende dar un novo impulso a un convenio desenvolvido entre 2005 e 2007 e que permitiu a posta en marcha do Doutorado de Economía na Universidade da Habana.

Agora, a través do convenio que se vai asinar, preténdese fortalecer esta iniciativa “co fin de que os beneficiarios do programa de doutoramento poidan continuar os seus estudos”. Así, ao abeiro do convenio promoveranse accións destinadas a contribuír á capacitación e recualificación de especialistas docentes e investigadores na área de economía. Paralelamente, promoverase a ampliación das relación de intercambio e cooperación a través da actividade científica, “mediante o desenvolvemento de liñas de investigación relevantes para a economía cubana”, sinalou Fernández Mato.

Por último, o secretario xeral de Relacións Exteriores destacou que “Galicia ten unha vocación solidaria e de cooperación como non tivo nunca antes na súa historia” e que Goberno e cidadanía están chamados “a colaborar e xuntar esforzos” neste ámbito o que redundará en que “Galicia teña voz propia no escenario nacional e internacional, compartindo e achegando o mellor do noso potencial, das nosas capacidades e do noso progreso”.