SANIDADE, COOPERACIÓN EXTERIOR E CAIXA GALICIA APOIAN NA CORUÑA A CELEBRACIÓN DÍA DO COOPERANTE
Onte tivo lugar na Coruña a celebración do Día do Cooperante, organizado en conxunto pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior e Caixa Galicia, coa colaboración da Consellería de Sanidade. O acto consistiu na conferencia Na procura dos Dereitos, traballando co Sur na Saúde, cuxos relatores foron Rosa Carracedo, enfermeira cooperante en América Central e Victorio Torres, médico cooperante en Kenya.
O acto foi presentado pola delegada da Consellería de Sanidade na Coruña, Mª Ausencia Tomé, que describiu o significado actual de ser cooperante, resaltando a dureza das condicións de este traballo nos países de destino e a paixón e vocación dos expatriados.
A sede da Fundación Caixa Galicia acolleu a numerosos representantes das ONGD coruñesas, unha alta representación do colectivo médico e sanitario da cidade, contando tamén coa presenza de Salvador Fernández Moreda, Presidente da Deputación e Alfredo Novoa Gil, Presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
SIDA EN ÁFRICAVictorio Torres, Director da Asociación VIHDA en Kenya, destacou a importancia de colaborar cos gobernos de África no desenvolvemento de sistemas e tecnoloxías sanitarias que xa demostraron a súa eficacia no Primeiro Mundo. De feito, nos últimos anos, a súa organización probou que é posible frear o contaxio da SIDA da nai ao bebé en Kenya utilizando as recomendacións que se seguen nos sistemas sanitarios occidentais, procurando que non se alimente aos nenos con leite materno. Salientou polo tanto, a falla de coherencia no impulso en países do Sur a prácticas desbotadas polos seus riscos probados nos países do Norte.Torres explicou que, para estender o uso de leite en po, superaron a carencia de auga sen contaminar facilitando filtros portátiles como os que utiliza a poboación estranxeira en África. Utilizar este filtro significa recoñecer a condición de infectada ante a comunidade, decisión que nai toma en favor do seu fillo. Esta decisión faina pasar de vítima da exclusión á axente transmisor de boas prácticas, recoñecido na comunidade, e freando a profunda estigmatización que aínda supón a enfermidade.
En canto aos custes da lactancia artificial, son en todo caso moi inferiores ao custo do tratamento de por vida con anti-retrovirais que un enfermo de SIDA debe seguir no resto da súa vida, a parte do evidente dereito deses nenos a beneficiarse da mellor opción das posibles.
Torres puxo outros exemplos exitosos de adaptación de pautas sanitarias desenvolvidas en África, como a utilización de ecógrafos de última xeración, ou noutro eido o deseño de plans directores para a proxección de hospitais, facendo un chamamento aos profesionais médicos galegos para colaborar en tarefas de formación no terreo. Os resultados das actuacións deben ser sistematizados e difundidos para que poida estenderse a súa utilización, no que denominou cooperación operacional.
A experiencia de Kenya xa foi aproveitada para mellorar os sistemas públicos de Saúde noutros países africanos, grazas a exposicións e intercambios; resultando especialmente útiles para enfrontarse á SIDA, o grande problema de África, para cuxo control entende fundamental a colaboración de todos os actores. Actualmente, ata que non se logre unha vacina, non hai outra solución que a fórmula abstinencia, fidelidade e profilaxis, especialmente, este último factor.
ENFERMERÍA: CLAVE EN CENTROAMÉRICA
Rosa Carracedo, que colabora con FUDEN, Fundación para o Desenvolvemento da Enfermería, explicou a súa experiencia como cooperante en programas en República Dominicana e Nicaragua; onde colaborou en proxectos de capacitación e dotación de material. Carracedo describiu a dificultade de desempeñar o labor de enfermería nunha zona coma América Central, onde a falta de recursos, a carencia de formación, a falta de medios e a discriminación laboral e de xénero minan os esforzos do persoal sanitario local.
O persoal sanitario en Centroamérica enfróntase a pandemias coma a SIDA e a tuberculose, pero tamén a enfermidades erradicadas no primeiro mundo, con vontade e imaxinación. Tamén mencionou os obstáculos engadidos da xeografía e a climatoloxía, especialmente ásperos. Así destacou o exemplo das Brigadas de Asistencia Sanitaria que percorren as zonas indíxenas máis pobres de Nicaragua a través da selva arriscando as súas vidas para levar a saúde ás zonas máis inaccesibles.
Dende o seu punto de vista, o enriquecemento persoal, cultural e, sobre todo, profesional que supón a cooperación compensa todas as penalidades que se viven sobre o terreo e chega a enganchar.