A DXCE ACTUALIZA O SEU CATÁLOGO DE RECURSOS EDUCATIVOS PARA O PRESENTE CURSO ESCOLAR 2008-09
Os centros educativos que inician nestas datas o Curso 2008-09 xa teñen ao seu dispor novos recursos para formar aos escolares nos valores da cooperación e a responsabilidade no catálogo actualizado que lles ofrece Cooperación Galega no seu sitio web e no da Consellería de Educación.
O catálogo web foi mellorado cunha presentación máis áxil, moderna e dinámica na súa exposición e utilización, tomando coma fondo un atractivo deseño de cortiñas horizontais baseado no logo de Cooperación Galega. Os recursos están situados na web por orde alfabética e visibilizados polo seu logo corporativo coa identificación de cada unha das organizacións. Así se facilita a accesibilidade e o rápido manexo dos recursos.
Nel poderán atopar os proxectos presentados polas ONGD radicadas en Galicia que traballan en Educación para o Desenvolvemento, agrupados en áreas temáticas fundamentais: Saúde, Convivencia, Xustiza Social e Consumo Responsable; e con referencias á poboación estudantil á que se dirixen: Primaria, Secundaria, Bacharelato,...; ademais de documentos de consulta e datos de contacto das organizacións.
Con esta iniciativa, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior persegue os seguintes obxectivos:
1) Servir de apoio curricular directo e/ou de acción titorial á hora de planificar os contidos do curso académico. De aí o esforzo feito para telo disposto nestes días que comezan as actividades lectivas.
2) Ofrecer unha ferramenta (un banco de recursos on line) útil e universal de participación activa na Educación para o Desenvolvemento.
3) Achegar ao profesorado, que xa está en gran medida involucrado en Educación para o Desenvolvemento, os proxectos de sensibilización da Cooperación Galega destinados ao eido educativo.
A Dirección Xeral de Cooperación Exterior agradece a colaboración das ONGD que prestaron os seus contidos a este novo catálogo de recursos educativos.
ACCESO AO CATÁLOGO
WEB EDUCACIÓN