Noticias de Cooperación Gallega
16/09/2008
Xeral

A XUNTA, A DEPUTACIÓN DA CORUÑA E CAIXA GALICIA ACHEGAN A COOPERACIÓN GALEGA A MÁIS DE 60 POBOACIÓNS

A campaña de sensibilización “Achégate a Cooperación Galega 2008” emprendeu hoxe na Coruña unha andaina que levará as súas mensaxes a prol do desenvolvemento no Sur do planeta por máis de 60 poboacións de toda Galicia nos vindeiros tres meses. A iniciativa inaugurouse esta mañá na Praza de María Pita da Coruña coa participación da directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta, Fabiola Sotelo; o secretario xeral de Relacións Exteriores, Julio Fernández Mato; a concelleira de Servizos Sociais, Silvia Longueira, o director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez; e o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda. No decurso da súa intervención, o secretario xeral de Relacións Exteriores agradeceu a “sensibilidade e compromiso” da Deputación da Coruña e a “fonda colaboración” de Caixa Galicia, que veñen participando no financiamento desta campaña e doutras iniciativas da Cooperación Galega, converténdose nun “exemplo de solidariedade e responsabilidade social”.

Pulo á loita contra a pobreza

Fernández Mato explicou o obxectivo desta campaña subliñando que a difusión “próxima pero profesional” da situación dos países en desenvolvemento é “imprescindible para darlle o pulo preciso á loita global contra a pobreza”. Para transmitir “o sentido de xustiza e responsabilidade cos pobos menos desenvolvidos”.

Por iso, os orzamentos da Xunta de Galicia dedicados á sensibilización nesta materia multiplicáronse un 250% dende o 2005. “A cidadanía galega pode convencerse de que esta é a primeira xeración que conta cos recursos precisos para acabar coa pobreza no mundo”, afirmou.

Nese sentido, o secretario xeral lembrou que o actual Goberno da Xunta de Galicia entende a Cooperación para o Desenvolvemento coma unha “política pública primordial”, e que, por ese motivo, creou a Dirección Xeral de Cooperación Exterior con plenas competencias na materia; promoveu o primeiro Plan Director de Cooperación Galega 2006-2009, co acordo unánime do Parlamento, e duplicou o volume de recursos orzamentarios para a axuda ao desenvolvemento.

Exposición móbilLogo das intervencións, a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, amosou a plataforma móbil que se empregará para levar a campaña “Achégate á Cooperación Galega” até máis de 60 localidades de toda Galicia durante 90 días de percorrido.

A plataforma dispón no seu interior dunha superficie de 70 metros cadrados onde se distribúen unha exposición gráfica de 80 imaxes, e unha sala para actividades infantís e reunións informativas, perfectamente acondicionadas.A exposición conta con 20 paneis que amosan ao visitante dun xeito obxectivo, con testemuños persoais e gráficos, o labor desenvolvido pola Cooperación Galega na América Central, Sudamérica, Caribe e África lusófona, que son a zonas prioritarias da súa actividade.

Explícanse os principios, metas e prioridades sectoriais e xeográficas da Cooperación para o Desenvolvemento sostida pola Administración galega, xa con programas desenvolvemento integral promovidos pola Xunta de Galicia, coma os catro vixentes en América Central, Perú, República Dominicana e Guatemala; xa con proxectos propostos polos axentes da Cooperación, principalmente ONGD, pero tamén universidades, sindicatos ou empresas de economía social.

Actividades infantísAdemais da mostra gráfica, a campaña “Achégate á Cooperación Galega” propón unha atractiva axenda de actividades para os máis cativos. “Contos solidarios” protagonizados polo monicreque Abdalaz, a miquiña da paz, elaborado por unha cooperativa de mulleres de Bangladesh. Os “Cantos solidarios” do Bardo Abelardo, para amosar aos nenos as realidades doutras culturas.  Os “Títeres solidarios”, feitos con materiais de refugallo, que van impartindo xustiza polo mundo. Mais actividades con xoguetes feitos a man polos propios rapaces, como os que fan os nenos e nenas de África ou América Latina; ou con traxes tradicionais doutros pobos; entre outras moitas, que se irán anunciando en cada localidade.

Axenda da campañaDespois da súa inauguración na Coruña, a plataforma móbil se desprazará da Praza de María Pita aos Xardíns de Méndez Núñez ata o xoves, 18 de setembro. A ficha técnica e a axenda completa de “Achégate á Cooperación Galega 2008” poden atoparse aquí: