Noticias de Cooperación Gallega
22/09/2008
Xeral

COOPERACIÓN GALEGA ACHÉGASE Á COSTA DA MORTE PARA PROMOVER O DESENVOLVEMENTO NO SUR

A subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Carlota Román, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e a concelleira de Emigración e Cooperación, Lourdes Rey inauguraron este sábado 20 de setembro, a campaña “Achégate á Cooperación Galega 2008” na Costa da Morte, que se desenvolveu na Praza do Concello de Carballo durante a fin de semana, para proseguir luns en Malpica, martes, en Vimianzo, e mércores en Corcubión.

No seu discurso, o alcalde de Carballo fixo un chamamento aos concellos veciños a prol da colaboración e da unión no eido da Cooperación ao Desenvolvemento.

Esta iniciativa da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, co co-patrocinio da Deputación da Coruña e de Caixa Galicia, quere difundir a situación dos países en desenvolvemento para sensibilizar aos cidadáns sobre a loita global contra a pobreza.  Neste senso, a exposición conta cunha plataforma móbil que estenderá a mensaxe até máis de 60 localidades de toda Galicia durante 90 días de percorrido.

A plataforma dispón no seu interior dunha superficie de 70 metros cadrados onde se distribúen unha sala para actividades infantís e reunións informativas e unha exposición de 80 imaxes que achegan testemuños persoais e gráficos. Na súa intervención, Carlota Román destacou o formato da exposición, xa que “os grandes discursos quedan ás veces moi baleiros”.  A exposición destaca as accións, principios, metas e prioridades sectoriais e xeográficas da Cooperación Galega dun xeito próximo e persoal.

Actividades infantís

Ademais da exposición gráfica, a campaña “Achégate á Cooperación Galega” propón unha atractiva axenda de actividades para os máis cativos. Durante a fin de semana en Carballo, abriuse a exposición á participación dos nenos pola maña, ás 12,30 e 13,15, e pola tarde, ás 16,30 e 17,15 horas.

Os días laborais seguintes, repartiranse entre ás mañás dedicadas a visitas concertadas con centros escolares e as tardes abertas a todo o público interesado ás  16,30 e 17,15 horas. Os rapaces poderán participar en:

• “Contos solidarios”, protagonizados polo monicreque Abdalaz, a miquiña da paz, elaborado por unha cooperativa de mulleres de Bangladesh. • Os “Cantos solidarios” do Bardo Abelardo, para amosar aos nenos as realidades doutras culturas.  • Os “Títeres solidarios”, feitos con materiais de refugallo, que van impartindo xustiza polo mundo. • Mais actividades con xoguetes feitos a man polos propios rapaces, como os que fan os nenos e nenas de África ou América Latina; ou con traxes tradicionais doutros pobos.