UNICEF-COMITÉ ESPAÑOL PREMIA Á POLÍTICA DE COOPERACIÓN DESENVOLTA POR FABIOLA SOTELO DENDE A XUNTA
A xestión de Fabiola Sotelo ao fronte da Cooperación Galega ven marcada por unha nova filosofía de entender a cooperación para o desenvolvemento coma Política Pública e profesionalizada, na que se promove unha xestión eficiente dos recursos, se impulsa a cooperación directa e a presenza en terreo e se procuran sinerxías entre actores de modo que se aumente o volume de recursos que incidan de forma directa na mellora da calidade de vida das poboacións beneficiarias. Así,
• Logrou a aprobación unánime do Parlamento galego do “I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009”, estratexia que está a permitir xestionar con rigor os seus obxectivos, accións e resultados.
• Conseguiu a introdución de melloras substanciais na nova Lei Galega de Subvencións para facilitar o financiamento das accións de cooperación aos axentes galegos (ONGD, universidades, empresas, sindicatos,...)
• Instaurou por vez primeira as Iniciativas de Desenvolvemento Integral, coma o Programa da Costa Sur de Guatemala, promovidas directamente pola Administración Autonómica, coa participación de todos os axentes implicados, e actuando en todos os eidos necesarios nunha zona xeográfica e período de tempo suficiente (catro anos) para xestionar e avaliar axeitadamente a iniciativa.
• Creou a primeira comisión de traballo dedicada a promover o Comercio Xusto e o Consumo Responsable en Galicia coa participación de todos os actores implicados neste eido.
• Forneceu o sector da cooperación promovendo alianzas con axencias multilaterais como a FAO, UNIFEM, PNUD ou a Organización de Estados Iberoamericanos (OEI), a axencia española AECID, as Universidades de Galicia, a Coordinadora Galega de ONGD e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
• Deulle pulo á sensibilización da cidadanía galega sobre a necesidade da cooperación para o desenvolvemento cunha gran campaña informativa e educativa, “Achégate!”, que está a percorrer máis de 80 poboacións galegas nos dous derradeiros anos.
• Favoreceu a profesionalización do sector da cooperación galega cuadriplicando as bolsas de formación sobre o terreo, incrementando o número de expatriados na coordinación de programas, así coma os labores de asistencia técnica cualificada tanto en Galicia coma nos países prioritarios de actuación, no pulo por conseguir que o Ciclo do Proxecto se xestione de xeito íntegro por axentes galegos de cooperación en aliñamento cos beneficiarios.
• Priorizou na integración e no logro de sinerxías entre diferentes sectores tecnolóxicos que poidan aportar dende Galicia un máis valor ao desenvolvemento e o aproveitamento sostible dos recursos: xestión de residuos, enerxías renovables, ou formación e investigación pesqueira e agropecuaria entre outros.