Noticias de Cooperación Gallega
02/10/2008
Xeral

O SALNÉS RECIBE Á EXPOSICIÓN DE COOPERACIÓN GALEGA

A subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Carlota Román, e o tenente de Alcalde de Vilagarcía de Arousa, Xosé Castro, inauguraron esta mañá a campaña “Achégate á Cooperación Galega” no Salnés, coa instalación, diante do Auditorio de Vilagarcía, dunha plataforma móbil que permanecerá dúas xornadas na vila, ata o sábado 4; e que se desprazará ata Cambados o vindeiro luns.

Esta iniciativa da Dirección Xeral de Cooperación Exterior conta co co-patrocinio da Deputación da Coruña e de Caixa Galicia e pretende salientar os esforzos que se fan dende Galicia na loita global contra a pobreza, dun xeito que toque ao espectador de xeito próximo.

Así os 70 metros cadrados de exposición interactiva conteñen unha mostra gráfica de 20 paneis con 80 imaxes e testemuños persoais, un expositor de produtos de comercio xusto, unha escolma de publicacións dos axentes da cooperación, mais unha sala para xogos educativos e reunións informativas, con proxeccións de vídeos documentais e un Trivial dixital sobre cuestións de desenvolvemento.

A mostra achega tamén os principios, metas e prioridades sectoriais e xeográficas da Cooperación para o Desenvolvemento sostida pola Administración galega, xa con programas propios coma os de desenvolvemento integral; xa con proxectos propostos polos axentes da Cooperación, principalmente ONGD, pero tamén universidades, sindicatos ou empresas de economía social.

Actividades lúdicas

A exposición compléta o seu labor de sensibilización mediante a distribución de trípticos, perlizadores, cadernos, pinturas e contos solidarios. Para potenciar unha participación activa, “Achégate á Cooperación Galega” propón unha atractiva axenda de actividades todo o día en varias sesións. Hai que resaltar os “Contos solidarios”, protagonizados polo monicreque Abdalaz, a miquiña da paz, elaborado por unha cooperativa de mulleres de Bangladesh; os “Cantos solidarios” do Bardo Abelardo, para amosar aos nenos as realidades doutras culturas; os “Títeres solidarios”, feitos con materiais de refugallo, que van impartindo xustiza polo mundo; mais actividades con xoguetes feitos a man polos propios rapaces, como os que fan os nenos e nenas de África ou América Latina; ou con traxes tradicionais doutros pobos.