Noticias de Cooperación Gallega
05/10/2008
Xeral

O GOBERNO GALEGO LAMENTA A PERDA DE XESÚS R. JARES, REFERENTE EN EDUCACIÓN PARA A PAZ

Coa desaparición de Xesús R. Jares, a Educación para a Paz perde a un dos seus máis importantes impulsores.  A nova do seu falecemento o pasado 27 de setembro sorprendeu tristemente ao goberno galego, que quere expresar as súas condolencias a todos os seus achegados.

Xesús R. Jares distinguiuse pola súa defensa da inclusión dos valores humanos na educación, converténdoa nunha ferramenta de paz e desenvolvemento dos pobos. Jares fundou o colectivo de Educadores pola Paz de Nova Escola Galega, ao que seguirían os seus esforzos para a constitución da Asociación Española de Investigación para a Paz (AIPAZ), da que foi presidente, e da Asociación Galego-Portuguesa de Educación para a Paz (AGAPPAZ) da que era presidente.

A súa contribución non se limita á educación, xa que Jares promoveu unha sociedade máis xusta e igualitaria a través da reflexión e da cultura tal e como amosan os seus escritos, intervencións orais e proxectos, a nivel da Península e en Latinoamérica.

Fica pendente a súa proposta da Lei Galega da Paz, que tiña coma obxectivo transversalizar os valores intrínsecos á Paz nas políticas do goberno galego.

Cómpre lembrar as súas verbas definindo, en 2005, a súa concepción de Educación para a Paz:

Concibimos a educación á paz como un proceso educativo continuo e permanente, fundamentado nos dous conceptos e definicións, a concepción positiva da paz e a perspectiva creativa do conflito, que a través da aplicación de métodos problematizadores pretende desenvolver un novo tipo de cultura, a cultura da paz, que axude ás persoas a desvelar criticamente a realidade , desigualdade, violenta, complexa e conflitiva, para poder situarse ante ela e actuar en consecuencia