Noticias de Cooperación Gallega
08/10/2008
Xeral

ACHÉGATE VISITA A CIDADE OLÍVICA

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, e o concelleiro de Promoción Económica, Emprego a Participación Cidadá do Concello de Vigo, Santos Héctor Rodríguez Díaz, inauguraron esta mañá a campaña “Achégate á Cooperación Galega” na cidade olívica.

Achégate permanecerá dous días en Vigo, na rúa Príncipe, nas proximidades do Sireno para despois continuar o seu roteiro polos concellos galegos. As vindeiras citas son Cangas, Porriño e Tui.

Os nenos son o centro da exposición, e as actividades adicadas a eles son moi variadas. Cóntase con Contos, Títeres e Cantos Solidarios, así coma obradoiros de traxes tradicionais e xoguetes do mundo. Os máis cativos tamén poden introducirse na solidariedade a través dun Xornal de Boas Novas ou do Muro da Paz.

Esta iniciativa da Dirección Xeral de Cooperación Exterior conta co co-patrocinio da Deputación da Coruña e de Caixa Galicia e pretende salientar os esforzos que se fan dende Galicia na loita global contra a pobreza, dun xeito que toque ao espectador de xeito próximo. 

ACTIVIDADES PARA TODOS 

Para todos os públicos, a plataforma inclúe unha exposición interactiva con 80 imaxes e testemuños persoais, un expositor de produtos de comercio xusto, unha escolma de publicacións dos axentes da cooperación, mais unha sala para xogos educativos e reunións informativas, con proxeccións de vídeos documentais e un Trivial dixital sobre cuestións de desenvolvemento.

Outras iniciativas contribúen á sensibilización da poboación galega, coma é a distribución de trípticos, perlizadores, cadernos, pinturas e contos solidarios.