A DIRECTORA XERAL REÚNESE CO PRESIDENTE DA CÁMARA MUNICIPAL DE MAIO, CABO VERDE.
Este luns tivo lugar a reunión entre a Directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, e o presidente da Cámara Municipal de Maio, Manuel Ribeiro, quen viu a expoñer os avances na execución do proxecto apoiado pola cooperación galega, acompañado de Alfredo Novoa e Xulio Ríos, Presidente e Secretario da Comisión Executiva do FOGACOSOL .
Cabo Verde ocupa o posto 102 no Índice de Desenvolvemento Humano elaborado polo PNUD no 2007. Esta antiga colonia portuguesa sitúase no Océano Atlántico, no arquipélago de orixe volcánico do mesmo nome, fronte ás costas de Senegal. O país sofre a falta de recursos e a súa economía vese prexudicada polas abundantes inundacións e secas que padece. A agricultura só é viable todo o ano en catro illas.
A reunión encádrase na longa relación que a Dirección Xeral mantén con Cabo Verde, que é un país prioritario para a Cooperación Galega, segundo o especifica o I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009.
Dentro do convenio asinado co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior estivo a financiar o proxecto Reforzamento do Abastecemento de Auga na Illa De Maio. Esta actuación incide nos eidos de auga e saneamento, incluíndo traballos de mellora do abastecemento e da potabilidade, redución do desemprego e sensibilización en uso responsable da auga.
A DXCE tamén interveu en Cabo verde nos eidos da inspección pesqueira, empoderamento da muller e fortalecemento institucional e da sociedade civil, mediante outras actuacións co FOGACOSOL e AECID.
MÁIS INFORMACIÓN