FABIOLA SOTELO RECIBE A MARIANO JABONERO, DIRECTOR XERAL DA ORGANIZACIÓN DE ESTADOS IBEROAMERICANOS
A Directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo reuniuse con Mariano Jabonero, director xeral de Concertación e Desenvolvemento da OEI, con María Xosé Pérez Mariño, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa e con Carmen Avendaño, presidenta da Asociación de Axuda ao Toxicómano Érguete.
O asunto central da reunión foi o seguimento do Instituto para o Desenvolvemento e a Innovación Educativa (IDIE) de Bós Aires, inaugurado en abril e para o que o goberno galego destinou 200.000 euros. O IDIE representa un paso adiante nas intervencións en cooperación, xa que se dirixe a países cuxa capacidade de apropiación do know-how e de desenvolvemento de competencias técnicas son maiores o que os fai idóneos para recibir proxectos de transferencia de coñecementos e tecnoloxías. O ano vindeiro o IDIE contará cunha implicación máis activa da Consellería de Educación.
Os novos proxectos coa OEI inclúen o envío de dous bolseiros en prácticas e a inclusión da DXCE e entidades galegas no programa de Seguridade e Cidadanía en Iberoamérica, nado a partir da iniciativa da OEI, a Xunta de Galicia, e os Ministerios de Interior de Brasil e España. Este programa fai énfase en violencia xuvenil; especialmente grave na rexión, xa que en moitos países as taxas de homicidio xuvenil son significativamente superiores á media mundial. Mortes e lesións produto da violencia, así coma as carencias en seguridade cidadá son freos para un pleno desenvolvemento. Dada a súa experiencia previa en Latinoamérica, a DXCE integrarase na compoñente de xénero, mentres que Érguete colaborará no eido da violencia xuvenil.
O programa conta tamén coa colaboración de institucións coma o Ministerio de Interior español, PROSEGUR e a Fundación Real Madrid.