COOPERACIÓN GALEGA DEBATE A IGUALDADE DE XÉNERO NO SEMINARIO ORGANIZADO POLA COORDINADORA GALEGA
A directora xeral de Cooperación Exterior Fabiola Sotelo participou esta tarde no seminario sobre xénero organizado pola Comisión de Xénero da Coordinadora Galega de ONGD, que se desenvolverá entre hoxe e mañá e o sábado coa participación de especialistas en xénero e desenvolvemento como Haydée Castillo, presidenta do Foro de Mulleres para a Integración Centroamericana, a doutora Paula Cirujano, a profesora Irene Rodríguez del Manzano ou a consultora Paz Caínzos.
Sotelo salientou que “a cuestión de xénero é unha prioridade que determinará a sostibilidade dos proxectos e o reforzo da cultura da igualdade”. Neste senso, explicou que un dos obxectivos da Cooperación Galega é non só integrar ás mulleres coma beneficiarias nos procesos do desenvolvemento, senón implicalas coma protagonistas, xestoras e líderes do proceso de mellora das condicións de vida das súas comunidades. A directora xeral comentou as súas experiencias no terreo para asegurar que as mulleres, a pesar de ter, na maioría das veces, moitos lastres e condicionantes sociais, son garantía de éxito en calquera iniciativa.
“Estou convencida de que no futuro o desenvolvemento e o progreso ou se fan dende o recoñecemento e o liderado da muller ou non serán factibles” afirmou Sotelo, que terminou a súa participación enumerando o “indiscutible papel da muller nos campos como: a economía e a xestión dos recursos, a resolución de conflictos, a capacidade asociativa, a educación, a cultura e a saúde”.
A directora xeral lembrou tamén que a promoción da igualdade entre o home e a muller é unha prioridade transversal do Plan Director da Cooperación Galega para o período 2006-2009. Neste contexto, explicou o traballo da Cooperación Exterior xunto as comunidades do Sur, poñendo como exemplo un Programa sobre os Dereitos das Mulleres ante a violencia de Xénero en Honduras, que inclúe o acceso das mulleres á Xustiza, así como outros proxectos desenvolvidos a traveso de axentes da cooperación en países coma Perú, Etiopía e varios países prioritarios de América Central.
A Comisión de Xénero da Coordinadora Galega de ONGD xurde no marco do esforzo de especialización, formación, debate, planificación e mellora das actuacións das organizacións asociadas, concretamente no sobre a situación e o papel da Muller perante o Desenvolvemento. Estas xornadas supoñen o primeiro encontro impulsado por esta Comisión co obxectivo de analizar o contexto no que se atopa a Cooperación Galega en referencia a perspectiva de xénero, así como xa, dun xeito máis práctico, introducir dita perspectiva no proceso completo do ciclo do proxecto, segundo salientou a súa representante, Yolanda Martínez.
MAIS INFORMACIÓN: