FABIOLA SOTELO SALIENTA A EDUCACIÓN DA CIDADANÍA COMA O “PRIMEIRO OBXECTIVO” DO PLAN DIRECTOR
Fabiola Sotelo, directora xeral de Cooperación Exterior, salientou a sensibilización e a educación da cidadanía coma “primeiro obxectivo expreso” do Plan Director da Cooperación Galega no peche do curso organizado por Educación sen Fronteiras en Vigo co financiamento da Xunta de Galicia. No citado Plan salientase que hai que procurar introducir os contidos que a Cooperación aglutina, na educación formal de xeito regrado e estable. Moitos destes contidos tócanse anualmente e están xa desenvolvidos en unidades didácticas; nas mans de todos está afondar neles tamén de xeito transversal, engadindo a temas coma o estudo da pobreza, a perspectiva e a análise das súa causas, tanto históricas, coma económicas ou culturais.
Ante os máis de 30 profesores que asistiron ao curso, Sotelo afirmou que o proceso de cooperación precisa de “información e formación” que movan “a visión da solidariedade cara á visión da responsabilidade”. Nese senso, considerou fundamental introducir os contidos da Cooperación para o Desenvolvemento na educación formal “de xeito regrado e estable”, co obxectivo de formar aos cidadáns “na convivencia, no respecto, na tolerancia, na xustiza, na liberdade, e no interese polas cuestións públicas e colectivas”.
Dende a Cooperación Galega, enténdese a educación “non só na súa dimensión de dereito humano universal”, senón tamén “coma instrumento principal” para acadar as metas do desenvolvemento. Por iso, financia “con convicción” iniciativas coma o curso organizado por Educación Sen Fronteiras, destinado a formar a mestres e profesores na “capacidade de transformación da educación coma motor de cambio”.
Fabiola Sotelo lembrou que, ademais de apoiar os proxectos de sensibilización das ONGD, a dirección xeral de Cooperación Exterior tamén desenvolve outras iniciativas, como son a actualización do Catálogo de Recursos Educativos, a dispor da comunidade educativa na web de Cooperación Galega e da Consellería de Educación, mais a exposición itinerante “Achégate!”, que está a percorrer máis de 60 poboacións de toda Galicia “coa participación activa dos centros de primaria, especialmente”.