A COOPERACIÓN GALEGA CELEBRA EN NOVEMBRO O SEU PRIMEIRO FORO DE DEBATE
O obxectivo do Foro de Debate é lograr un espazo de intercambio de experiencias e reflexión compartida con todas as entidades facilitadoras da cooperación galega que permita compartir o horizonte de traballo no eido da Cooperación para o Desenvolvemento impulsada dende Galicia, aproveitando o actual proceso de avaliación da estratexia da Cooperación Galega.
Procúrase, polo tanto, xerar debate e reflexión entre as persoas participantes para:
1) Identificar os avances e retos da Cooperación Galega en torno aos obxectivos establecidos no I Plan Director, 2) Fortalecer as relacións e sinerxías entre todos os actores, 3) Definir liñas comúns de actuación e recondución entre todos os actores, co fin de lograr unha maior coherencia e complementariedade.
Cada organización poderá participar cun representante en cada unha das 4 mesas de traballo, coa finalidade de que haxa tempo suficiente para as achegas de todos os participantes e poida propiciarse o debate cara a consecución de conclusións concretas en torno aos retos futuros da Cooperación Galega. O límite de asistentes establécese en 25 persoas por mesa de traballo, por orde de inscrición.
A data límite de confirmación de asistencia ao Foro é o venres 7 de novembro, vía correo electrónico á Secretaría Técnica ( info@ruta2.es ) co nome e apelido das persoas asistentes.
Este Foro encádrase dentro de Coopera, Xúntate, o Plan de Formación promovido pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior e a Obra Social Caixa Galicia. Este Plan vai dirixido a apoiar os esforzos cara unha maior calidade e eficiencia de todos os actores galegos da cooperación, proporcionando formación en ferramentas e metodoloxías de planificación, execución e avaliación da cooperación, así como espazos de reflexión onde a sociedade galega poida participar nas decisións sobre as actuacións político- económicas no eido da cooperación internacional para o desenvolvemento.