Noticias de Cooperación Gallega
30/10/2008
Xeral

FABIOLA SOTELO RECIBE A URMI BASU DA ORGANIZACIÓN NEW LIGHT DA INDIA

A directora xeral, Fabiola Sotelo recibiu hoxe á representación da ONGD New Light, acompañados dos delegados de Mundo Cooperante. A visita encádrase nunha xira por España e Alemaña, onde contan con diversas organizacións colaboradoras e entidades financiadoras. Os nove rapaces e rapazas indios, de entre 14 e 17 anos, foron dos primeiros que esta ONGD recolleu das rúas de Calcuta, onde proliferan as mafias que os utilizan para a mendicidade e outros tipos de explotación.

Urmi Basu, fundadora de New Light, leva máis de sete anos traballando no barrio de Kalighat, o Barrio Roxo de Calcuta. O seu labor fundamental céntrase no empoderamento da muller india. A organización traballa de xeito especial coas mulleres prostituídas, que son dobremente excluídas e discriminadas polo seu xénero e polo sistema de castas; ofrecendo simultaneamente apoio ás súas familias, especialmente ás nenas.

Igualmente as súas actividades encamíñanse a combater o VIH e a estrema pobreza. A India non é un país pobre, se ben millóns de persoas viven alí en condicións de extrema pobreza, Basu afirma que o proceso de responsabilización do propio estado indio para con estes segmentos da sociedade é lento, coma en moitos outros países con altos índices de desigualdade.

New Light conta con 35 persoas e tres centros, un dedicado especialmente ás rapazas, que reciben atención ata os 18 anos. Coa colaboración da sección galega de Mundo Cooperante, a Xunta de Galicia financia a ampliación do centro inicial, onde ademais de educación se desenvolven campañas de saúde e atención psicosocial, así coma módulos de alfabetización de adultos e formación profesional, especialmente dirixidos a mulleres.

PROXECTOS

MÁIS INFORMACIÓN