Noticias de Cooperación Gallega
05/11/2008
Xeral

APROBADA HOXE UNHA INICIATIVA DE COOPERACIÓN CON BOLIVIA EN MATERIA DE DESCENTRALIZACIÓN

Bolivia vive unha difícil situación política polas súas condicións de pobreza, desigualdade, exclusión social e crise das institucións do Estado. Ademais na actualidade, atópase inmersa nun proceso de descentralización.

O tema da reforma político administrativa, é un dos retos que actualmente ocupa á axenda política e a preocupación da sociedade boliviana. Isto foi o que transmitiu a representación do Goberno boliviano, cando solicitou directamente perante a secretaría xeral da Presidencia, a colaboración da Xunta de Galicia nun proceso de transferencia de coñecemento no eido da descentralización, aproveitando o valor que Galicia acumulou o longo destes anos no seu propio desenrolo autonómico.

O proxecto recibirá 174.110 € a traveso dun convenio financiado pola dirección xeral de Cooperación Exterior, para executar entre o 2008 e o 2009. Preténdese dotar aos funcionarios públicos, universitarios e clase política boliviana, de ferramentas básicas que contribúan a facilitar a reforma administrativa necesaria na actual conxuntura política do país andino.

A Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela articulou un programa de post grao denominado “Goberno Autonómico e Administración Pública”. Componse de 5 módulos, que se distribuirán aproximadamente o longo de 20 cursos de 15 horas cada un. Ó finalizar, o alumno terá 300 horas de clases teóricas, que complementará con outras 100 horas dun traballo fin de Master e outras 100 horas de prácticas. Asemade se organizan dous cursos intensivos que versarán: un sobre “Autonomía Económica” e outro sobre “Administración e Xestión Autonómica” que serán impartidos por relatores e profesores de primeiro nivel. A Universidade Pública da Paz así como a de Santa Cruz, serán parceiros da USC, os seus centros son os lugares elixidos para impartir a formación.

Un dos sectores prioritarios da Cooperación Galega recollido no vixente Plan Director, é o Apoio á participación social, o desenvolvemento institucional e o bo goberno, coma elementos constitutivos do Estado Democrático e de Dereito. O fortalecemento do Estado de Dereito e o apoio os procesos de descentralización, foron asemade recollidos na Lei 3/2003 de Cooperación para o Desenvolvemento, na que se destaca a posibilidade de “intercambio de experiencias acumuladas pola Xunta de Galicia na xestión dunha Administración Pública descentralizada, con outras administracións rexionais e locais dos países receptores e ao servizo dos cidadáns”.