COOPERACIÓN GALEGA PROMOVE A BANCA ÉTICA EN REFERENCIA Á REFORMA DO SISTEMA FINANCEIRO INTERNACIONAL
Fabiola Sotelo, directora xeral de Cooperación Exterior, reivindicou os “postulados da banca ética” coma “referente na reforma pendente do sistema financeiro internacional” na inauguración do Seminario de Financiamento Ético organizado pola Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento hoxe á mañá no Campus de Elviña da Universidade da Coruña.
Nas primeiras verbas do evento, financiado pola Cooperación Galega, Sotelo defendeu que “poñer enriba da mesa o modus operandi da banca alternativa” non é só oportuno senón “máis que necesario”. En particular, salientou o seu criterio de financiar actividades económicas cun impacto social positivo, non especulativo, sen renunciar por elo á xeración de beneficios.
E tamén, os seus fundamentos éticos de facilitar recursos aos colectivos máis vulnerables, para que poidan “materializar os seus proxectos de vida”, e de rexeitar investir en actividades vinculadas coa produción e o tráfico de armamento, o narcotráfico, a prostitución, a explotación laboral, o traballo infantil ou á destrución do medio ambiente.
A promoción da banca ética en Galicia encádrase no obxectivo proposto pola Cooperación Galega de darlle pulo ao comercio xusto, ao consumo responsable, o emprendemento e a economía alternativa, coma “a outra cara da moeda” da loita contra a pobreza e as súas causas nos países máis empobrecidos.
Nesa liña de actuación, organízase este Seminario no que comparten as súas experiencias as organizacións galegas AIS O Peto e a cooperativa de crédito Sinerxía, mais outras entidade e proxectos de interese coma o de Fiare Internacional e Justicia i Pau.
A iniciativa segue a outras coma a “Diagnose estratéxica e participativa do Comercio Xusto en Galicia” e a creación dunha mesa de traballo dedicada a artellar este sector económico na comunidade galega co respaldo da Dirección Xeral de Cooperación Exterior e a participación de todos os axentes implicados.