Noticias de Cooperación Gallega
12/11/2008
Xeral

SUSAN GEORGE DEFENDE A ECONOMÍA VERDE COMO SOLUCIÓN Á CRISE NO I FORO DA COOPERACIÓN GALEGA

A líder altermundista Susan George presenta esta tarde a súa proposta de “New Deal Ecolóxico” na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela, ás 20,00 horas, convidada pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior e a Obra Social de Caixa Galicia, no cadro do plano de Formación Coopera, Xúntate que están a desenvolver ambas entidades.

O director da Obra Social de Caixa Galicia, Manuel Aguilar, destacou a “análise lúcida, moi valente e intelixente” ofrecida pola presidenta honoraria de ATTAC- Francia. En palabras de Fabiola Sotelo, é momento de acadar a “superación da visión da necesidade de cooperar dende unha perspectiva máis emocional, a unha perspectiva máis racional, de pasar da análise das consecuencias á análise das causas”; porque tal e coma explica Susan George, hai que “deixar de falar de pobreza e comezar a falar de riqueza”.

Susan George é ben coñecida a nivel internacional, non só polo seu rol coma ex dirixente de Greenpeace Internacional, senón tamén por escritos e reflexións clave para comprender o mundo actual, coma o “Informe Lugano”, “Como morre a outra metade: as verdadeiras razóns da fame mo mundo” ou recentemente: “O pensamento secuestrado: cómo a dereita laica e a relixiosa se apoderaron dos Estados Unidos”, obras que destacan na crítica do sistema capitalista actual.

Na conferencia deste serán, “Podemos saír da crise e salvar o planeta”, a presidenta de honra de ATTAC Francia analiza as consecuencias da globalización neoliberal no marco da vixente crise económica e propón un novo modelo de desenvolvemento económico baseado na loita contra o cambio climático.

Para Susan George existen tres crises: a crise social de pobreza e desigualdade, a crise financeira actual e a crise climática. Tal e coma expón George, “cada crise aliméntase e refórzase coa outra” e a solución estriba en “aproveitar a oportunidade que representa a crise financeira para revertir tamén as outras dúas, oportunidade tremenda que non vai durar moito tempo”.

A doutora George tamén fixo fincapé no papel que deben desempeñar os cidadáns “presionando uns gobernos que non van actuar por si mesmos, agora que é o momento de actuar” sen esquecer que foros coma o G-20 “non representan ao mundo enteiro nin aos cidadáns, senón que cómpre ter mellores canles de expresión para que a xente poida ser consultada”

Esta conferencia encádrase no I Foro da Cooperación Galega que se está a celebrar estes días en Compostela, foro no que os axentes galegos da Cooperación para o Desenvolvemento están a avaliar a traxectoria da cooperación en Galicia e a propor futuras liñas de mellora.