A COOPERACIÓN GALEGA ANALIZA OS SEUS AVANCES E RETOS NO SEU I FORO DE DEBATE
Hoxe e mañá estase a celebrar o I Foro de Debate da Cooperación Galega na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela. Este Foro encádrase dentro de Coopera, Xúntate, o Plan de Formación promovido pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior e a Obra Social Caixa Galicia; plan que ofrece formación en ferramentas e metodoloxías de planificación, execución e avaliación da cooperación, así como espazos de reflexión onde a sociedade galega poida participar nas decisións sobre as actuacións no eido da cooperación internacional para o desenvolvemento.
Aproveitando o actual proceso de avaliación intermedia do Plan Director da Cooperación Galega, o Foro de Debate quere, en palabras da directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, “proporcionar un espazo de intercambio e análise entre os axentes da Cooperación Galega sobre a traxectoria e a eficiencia das actuacións na superación das causas da pobreza e a exposición das propostas e os retos inmediatos a ter en conta na planificación da cooperación”.
Tal e coma describiu Manuel Aguilar, director da Obra Social de Caixa Galicia, este Foro é unha manifestación práctica do “reto de sumar forzas e facer da cooperación un esforzo común”, cara o propósito de “ofrecer non só solucións técnicas, senon mobilizar conciencias e persoas”; xa que a cooperación ao desenvolvemento representa “unha mediciña para as enfermidades do mundo” .
Nieves Lagares destacou que non “se debe de perder de vista cal é o horizonte da Cooperación” e que “ a indiscutible lexitimidade desta fin non debe cubrirse cun velo de descoñecemento” que faga esquecer “a obriga de facer máis claros os seus procesos e mecanismos”. A decana da Facultade Ciencias Políticas salientou a idoneidade da sede do Foro, xa que a avaliación das políticas “contribúe á súa democratización, devolvendo a confianza que os electores depositaron co seu voto”.
Este foro, que terá formato de obradoiro, reúne en grupos de traballo ao longo de dous días aos representantes máis activos das ONGD, as universidades, as empresas, os sindicatos e demais actores da cooperación que debaterán sobre a traxectoria, senso, fortalezas e debilidades da cooperación galega, coa finalidade, a través da reflexión conxunta, de mellorar a calidade e a eficacia das accións.
Trala inauguración, a primeira xornada ábrese coa presentación dos resultados da avaliación intermedia do I Plan Director da Cooperación Galega. Seguidamente, na sesión da mañá, os participantes intercambiarán os seus puntos de vista en dúas mesas dedicadas ao fomento do coñecemento sobre a desigualdade e ao fortalecemento dos actores do sistema galego de Cooperación, respectivamente.
Xa na sesión do serán as mesas versarán sobre a mellora da calidade técnica e operativa do sector e sobre a ampliación e ordenación dos medios da Cooperación Galega; para pechar seguidamente coa conferencia da lider altermundialista Susan George, , “Podemos saír da crise e salvar o planeta”.
O venres pola mañá, tras un primeiro panel de experiencias, terá lugar unha mesa redonda onde se debaterá a participación das empresas na Cooperación ao desenvolvemento. A mediodía presentaranse as conclusións das diferentes mesas en sesión plenaria, para pechar cunha quenda de palabra e a clausura formal pola directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo.
MÁIS INFORMACIÓN