A DXCE CONVOCA 14 BOLSAS DE FORMACIÓN DE EXPERTOS/AS EN COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO
Con esta convocatoria preténdese apoiar a formación de expertos/as en cooperación internacional, respondendo ao establecido no I Plan Director respecto á formación de persoal especializado que contribúa ao fortalecemento do sistema galego de cooperación e ao compromiso de aumentar as bolsas de cooperación internacional en países en vías de desenvolvemento.
Os solicitantes deberán ser nacionais da Unión Europea e menores de 30 anos. Igualmente deberán estar en posesión dun título universitario de grao medio ou superior. Valoraranse os coñecementos en cooperación ao desenvolvemento, así coma en idiomas e informática. Ademais da solicitude e da documentación correspondente, a comisión de selección realizará e valorará unha entrevista aos aspirantes que conseguiran na avaliación da formación e da experiencia a puntuación mínima.
Os destinos son as oficinas da Organización de Estados Iberoamericanos (por vez primeira), as delegacións das axencias de Nacións Unidas (FAO e UNIFEM), e as oficinas en terreo de AECID e os proxectos da Xunta de Galicia en países coma Perú, Bolivia, Guatemala, Haití, Senegal, Mozambique, Angola e Cabo Verde, así coma a propia sede da DXCE en Compostela.
O prazo de solicitudes remata o vindeiro 15 de Decembro.
OFERTAS DE EMPREGO E CURSOS
Igualmente, cabe salientar que na páxina web da Cooperación Galega, www.cooperacióngalega.org, na sección Convocatorias -Outras Convocatorias, están a dispoñibilidade dos usuarios as ofertas de emprego no sector a nivel galego, español e internacional; alén de guías e información útil. Ademais, a sección Outras Convocatorias tamén adica un lugar aos cursos, seminarios e xornadas que convocan os distintos axentes en Galicia.
Esta sección vai precisar da colaboración dos distintos axentes da Cooperación Galega, que están convidados a enviar as súas ofertas de emprego e cursos á Dirección Xeral de Cooperación Exterior, para seren publicadas na web.
MÁIS INFORMACIÓN