COOPERACIÓN GALEGA PRESENTA A INICIATIVA EN GUATEMALA NOS EUROPEAN DEVELOPMENT DAYS
Cooperación Galega levou o seu programa de desenvolvemento integral en Guatemala á mesa de Cooperación Descentralizada, durante a celebración dos European Development Days dos días 15, 16 e 17 de novembro.Baixo o lema “When Davos meets Porto Alegre”, nun encontro presidido polo Comisario Europeo de Desenvolvemento, Louis Michel; a Directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, e o Alcalde de Champerico, Victoriano Ovando, presentaron unha iniciativa que vai beneficiar a máis de 20.000 persoas de 18 comunidades indíxenas da costa Sur de Guatemala nos vindeiros catro anos.
O Programa Oxlajuj Tz'ikin execútase de acordo cos principios da Declaración de París, coa participación dos concellos de Retalhuleu e Champerico, oito organizacións guatemaltecas e cinco galegas, no desenvolvemento da educación e da saúde, da habitabilidade básica e o saneamento, e de iniciativas de impulso do tecido produtivo.
A iniciativa impulsada pola Cooperación Galega, presentouse conxuntamente con outras dúas desenvoltas entre a rexión de Ile-de-France e Hanoï, e entre Hamburgo e Dar Es Salam; todas elas foron enmarcadas polo Director Xeral de Desenvolvemento e Relacións cos países ACP da Comisión Europea, Stefano Manservisi, coma fundamentais exemplos do crecemento e a importancia da Cooperación Descentralizada nos últimos tempos, sobre todo coma canles especializados para a transferencia de coñecemento en niveis competenciais esencialmente asumidos polos gobernos locais e rexionais.
Neste mesmo senso, o presidente do Comité das Rexións, Luc Van Den Brade, engadiu que as administracións locais e rexionais deben continuar ampliando os seus espazos de decisión e participación nos organismos internacionais e multilaterais de desenvolvemento.
O comisario Michel pechou o acto salientando a necesidade de unir todos os esforzos nestes momentos de crise, optando por novas solucións e fuxindo do habitual proteccionismo, incidindo na necesidade dunha maior e, sobre todo, mellor axuda ao desenvolvemento.