DEZ MIL CIDADÁNS ACHEGÁRONSE XA AOS OBXECTIVOS E PROXECTOS DA COOPERACIÓN GALEGA
A plataforma móbil da campaña “Achégate á Cooperación Galega” instalouse hoxe na Alameda de Santiago de Compostela despois de recibir a dez mil galegos e galegas no seu percorrido por máis de corenta poboacións de toda a Comunidade. Permanecerá na capital de Galicia ata este xoves, para logo continuar o seu camiño por outras vinte localidades mais.
Como explicou a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, na súa inauguración, xunto ao alcalde do Concello de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, o obxectivo desta iniciativa da Dirección Xeral, patrocinada tamén pola Deputación da Coruña e Caixa Galicia, é “difundir de xeito próximo pero profesional a situación dos países en desenvolvemento para sensibilizar aos cidadáns sobre a loita global contra a pobreza, dirixíndose non só ás cidades, senón tamén ás vilas galegas”. En palabras do alcalde de Santiago, as iniciativas de cooperación son necesarias “nun momento económico complicado, no que os máis pobres vénse máis afectados” lembrando que “Galicia é unha comunidade solidaria”.
Durante 90 días de percorrido, Cooperación Galega está a levar as súas mensaxes ata máis de 60 localidades de toda Galicia cunha plataforma móbil. Este espazo dispón no seu interior dunha superficie de 70 metros cadrados onde se distribúen unha mostra gráfica de 80 imaxes, un expositor de produtos de comercio xusto, unha escolma de publicacións dos axentes da cooperación, mais unha sala para xogos educativos e reunións informativas, con proxeccións de vídeos documentais e un Trivial interactivo sobre cuestións de desenvolvemento.
A exposición conta con 20 paneis que amosan ao visitante dun xeito obxectivo, con testemuños persoais e gráficos, o labor desenvolvido pola Cooperación Galega en 17 dos países máis empobrecidos do planeta, en América Latina e África, zonas prioritarias da súa actividade.
Na mostra, explícanse os principios, metas e prioridades sectoriais e xeográficas da Cooperación para o Desenvolvemento sostida pola Administración galega, xa con programas desenvolvemento integral promovidos pola Xunta de Galicia, coma os catro vixentes en América Central, Perú, República Dominicana e Guatemala; xa con proxectos propostos polos axentes da Cooperación, principalmente ONGD, pero tamén universidades, sindicatos e empresas.
Actividades infantís
Ademais da exposición gráfica, a campaña “Achégate á Cooperación Galega” propón unha atractiva axenda de actividades para os máis cativos en varias sesións, nas que xa participaron máis de 60 centros escolares e preto de 6.000 nenos e nenas de toda Galicia.
A través dos contos solidarios, nenos e mozos coñecen outras realidades e culturas, conceptos como a xustiza, igualdade, respecto e solidariedade. Para iso, organízanse na exposición multitude de actividades, xogos, historias, músicas ou disfraces. Os rapaces poden meterlle un gol á pobreza cun balón realizado sen explotación infantil, poden derrubar o muro das malas novas, deixar as súas boas novas no xornal solidario que se está a facer cos nenos de toda Galicia, vestirse con indumentarias traídas de países lonxanos, onde os nenos viven de xeito ben diferente, e plantar, regar e abrazar ás árbores da paz... Poden, en definitiva, achegarse ao mundo con outros ollos.