FABIOLA SOTELO PRESENTA O LIBRO DE XAQUÍN LÓPEZ “LAS FRONTERAS SE CRUZAN DE NOCHE”
Nun día coma hoxe, onde se celebran o Día Internacional dos Dereitos da Infancia, e os 19 anos da aprobación da Convención sobre os Dereitos dos Nenos e Nenas pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, cabe salientar que a situación da infancia, sobre todo nos países en vías de desenvolvemento, dista moito de achegarse aos parámetros de protección e seguridade, de acceso á educación ou á saúde, de respecto e dignificación, do neno coma suxeito de dereito.
Así, o apoio á publicación e difusión da obra do xornalista Xaquín López “Las fronteras se cruzan de noche” é unha iniciativa máis que necesaria, por seren, en palabras de Fabiola Sotelo “unha nidia fotografía dun inmenso problema global”: o do abuso e incumprimento dos dereitos de nenos en nenas.
O libro-reportaxe, presentado onte na Coruña, denuncia o tráfico de nenos escravos en África do Oeste relatando, “cunha grande capacidade de transmisión”, como compran aos nenos en Benin e véndenos para explotalos nas plantacións de cacao de Costa de Marfil e nas canteiras de Nixeria. Xaquín López, reporteiro de TVE, viaxou ata en tres ocasións a África para testemuñar en primeira persoa este drama, “moi difícil de aturar”, segundo explicou, comprobando as condicións de escravitude na que viven rapaces, incluso menores de seis anos “que traballan de sol a sol nunha zanxa” e só comen “os ratos salvaxes que cazan eles mesmos na selva”.
Sotelo cualificou a obra do xornalista coma un libro “non para ser lido pola noite, antes de durmir”, senón para conmover e mobilizar as nosas conciencias. “A infancia é o lugar onde se reside toda a vida”. O que unha persoa vive nos seus primeiros anos a condiciona e a marca para o resto da súa existencia. Se hoxe non somos quen de facer realidade o respecto aos dereitos da infancia, é moi difícil que os nenos e nenas de hoxe, futuros adultos, asuman e respecten os Dereitos Humanos.
A directora xeral recomendou a súa lectura para comprender a necesidade de fornecer a axuda ao desenvolvemento nos parámetros do vixente Plan Director de Cooperación Galega, nos que se priman as actuacións nos países máis empobrecidos, particularmente en África, e se salientan as accións dirixidas aos máis cativos, afondando na educación coma vehículo principal de xeración de capacidades, clave para que cada pobo sexa protagonista do seu desenvolvemento.