Noticias de Cooperación Gallega
18/11/2008
Xeral

FABIOLA SOTELO ACOMPAÑARÁ A XAQUÍN LÓPEZ NA PRESENTACIÓN DO LIBRO LAS FRONTERAS SE CRUZAN DE NOCHE

 

Hoxe ás 19.00 na Coruña, na sala de prensa da Fundación Caixa Galicia, Fabiola Sotelo, directora xeral de Cooperación Exterior,  xunto con María José Martínez, vicerreitora da Universidade da Coruña, presentarán a nova obra do xornalista galego Xaquín López.

Las  fronteras se cruzan de noche, nado dunha iniciativa persoal do autor, é un libro comprometido, que reflicte de xeito cru o tráfico de nenos no século XXI.  Tal e coma amosa Xaquín López na súa obra, os nenos son arrincados dos seus fogares en Benin para, a través do Golfo de Guinea, chegar ás plantacións de cacao de Costa de Marfil e as canteiras de Abeokuta en Nixeria, lugares onde apenas hai presenza de xornalistas.

A situación que se vive nestes países de África Occidental, onde poden salientarse a estrema pobreza e a poligamia, está detrás do tráfico e a venda de nenos de ata cinco anos coma escravos. En verbas do autor, para estes cativos “palabras coma infancia, educación ou familia apenas son algo máis que unha lonxana utopía

Xaquín López, xornalista despois de máis de 20 anos na TVE, está especializado en África, e para esta investigación infiltrouse nas mafias de Benin. A reportaxe inicial saída desta investigación mereceu o premio Infancia e Xornalismo do pasado ano.