Noticias de Cooperación Gallega
24/11/2008
Xeral

FABIOLA SOTELO INAUGURA AS XORNADAS SOBRE COOPERACIÓN E XÉNERO NA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

Esta mañá tivo lugar a inauguración das Xornadas Cooperar en Feminino: Políticas e Prácticas de Cooperación con perspectiva de xénero,   organizadas pola Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña coa colaboración da Oficina de Cooperación e Voluntariado e financiamento do Parlamento de Galicia.

No acto de inauguración participaron Fabiola Sotelo, directora xeral de Cooperación Exterior, Luis Caparrós Esperante, vicerreitor de Cultura e Comunicación e Belén García Cabeza, directora das xornadas. Na súa intervención, Fabiola Sotelo salientou que “hai que insistir na adecuación dos programas de desenvolvemento en función dos diferentes condicionantes sociais de mulleres e homes”, xa que é “fundamental considerar aspectos referidos ó acceso dos servizos básicos, a participación das mulleres en toma de decisións e o control dos recursos económicos”.  A directora xeral tamén lembrou que a “implicación da muller en calquera iniciativa de cooperación é garantía de compromiso e éxito”.

Estas xornadas, que comezan hoxe e rematan o vindeiro 28 de novembro, revisarán a situación actual da perspectiva de xénero no eido da cooperación. Contarase coa presenza de representantes das universidades galegas, da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, da Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento, da Fundación Mulleres Progresistas,  da Coordinadora Galega de ONGD, e entidades coma Implicadas no Desenvolvemento, Paz e Desenvolvemento, Solidariedade Galega, ASODEKMA, e as Universidades Complutense e do País Vasco, alén doutros expertos.

Tal e coma se mencionou esta mañá no acto, hoxe ademais se celebra o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. En Bogotá en xullo de 1981 foi declarado este día coma día Internacional contra a violencia cara ás mulleres no primeiro encontro feminista de América Latina; para non esquecer as irmás Mirabal, tres activistas asasinadas en 1960 a mans da policía secreta do ditador Trujillo, na República Dominicana. En decembro de 1999 a Asemblea Xeral de Nacións Unidas deulle carácter oficial a esta data.

MÁIS INFORMACIÓN