O CONSELLO APROBOU UN CONVENIO PARA A RECUPERACIÓN POLO CICLON NARGIS EN MYANMAR
O Consello de Goberno da Xunta aprobou hoxe un convenio coa organización Save the Children dotado con 200.000 euros para intervir na fase post - emerxencia en Myanmar (antiga Birmania), dada a gravidade e o alcance da devastación do paso do Ciclón Nargis o pasado mes de maio. Nargis foi o ciclón máis devastador en Asia dende 1991 e fontes de Save the Children compararon os seus efectos aos da tsunami de 2004. Con ventos de máis 190 quilómetros por hora e ondas de 3,5 metros, o ciclón Nargis deixou segundo datos oficiais preto de 85.000 mortos e 54.000 desaparecidos; fontes de Nacións Unidas estiman sen embargo que o número de vítimas superou os 200.000 e aportan unha cifra similar para os desaparecidos, ademais de dous millóns e medio afectados.
Segundo datos da FAO, as zonas máis afectadas abranguen o 65% da produción de arroz, o 80% da acuicultura, o 50% da explotación avícola e o 40% da porcina totais da antiga Birmania, co que se espera escaseza alimentaria en todo o país nos próximos dous anos. Isto pon de manifesto a necesidade de traballar na recuperación da actividade produtiva na que se centra o proxecto que Save the Children impulsará co apoio do goberno galego entre outros.
O Goberno de Myanmar declarou zona catastrófica cinco rexións: Yangon, Ayeyarwwady, Bago, Mon e Kayin, zonas onde se desenvolverá o proxecto que pretende alcanzar a 168.000 familias, sobre 840.000 persoas. Destacan polos danos sufridos a antiga capital Rangún, a desembocadura e delta do río Irrawaddy e a costa da baía de Bengala. Sendo esta zona a produtora da meirande parte do arroz e do peixe para abastecer ao país, a perda de 783.000 hectáreas de cultivo e de máis de 21.000 hectáreas de piscifactorías esixe a intervención para a súa recuperación e para garantir a seguridade alimentaria dos superviventes.